A Xunta crea 13 novos postos de traballo na residencia de maiores de Caranza e no centro de atención de menores de Ferrol

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo un encontro coa directora da residencia de maiores e visitou o centro sociocomunitario integrado nestas instalacións

Ferrol, 9 de xaneiro de 2024

A Xunta aprobou a creación de 13 novos postos de traballo na residencia de maiores de Caranza e no Centro de Atención de Menores de Ferrol. A delegada territorial, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión coa directora do centro de Caranza, Cristina Ocampo, coa que abordou a modificación da relación de postos de traballo (RPT) da Consellería de Política Social e Xuventude na que se recolle esta ampliación de persoal e que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Na residencia de maiores de Caranza téñense creado 10 novos postos. Segundo informou a súa directora incorporaranse dous enfermeiros/as, cinco auxiliares de clínica, un camareiro/a -limpador/a, un oficial de cociña e un subalterno ou subalterna. Ademais neste centro pasan a xornada completa dous postos de camareiro/a-limpador/a que estaban ata o momento con xornada de fin de semana.

Os tres postos de traballo restantes creados na área territorial correspóndense con tres prazas de educadores no Centro de Atención de Menores de Ferrol.

Segundo recolle o DOG , a modificación da relación de postos de traballo da consellería foi aprobada pola Xunta unha vez consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa de Negociación e na Comisión de Persoal e entrou en vigor a comezos de ano.

Encontro cos usuarios do centro sociocomunitario

Durante a visita, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse ao centro sociocomunitario integrado na residencia de Caranza onde mantivo un encontro cos usuarios destas instalacións para coñecer de primeira man o seu funcionamento e as iniciativas que levan a cabo.

O centro sociocomunitario de Caranza é un dos 13 centros da provincia da Coruña adscritos á rede de centros sociocomunitarios da Consellería de Política Social e Xuventude, xunto ao de Ferrol, Fene e As Pontes, concibidos como lugares de socialización e convivencia interxeneracional. Conta na actualidade con servizo de perruqueiría; estética; servizo de podoloxía; cafetería, que abre de luns a domingo, e biblioteca, operativa en horario de tarde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2024