A Xunta amplia a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid-19 até o 26 de xaneiro

A taxa de positividade por gripe en Galicia sitúase no 27’9%, cun descenso do 2,28% respecto da xornada de onte
 

Na actualidade, hai 844 persoas están ingresadas por gripe nos hospitais do Sergas (77 menos que onte), dos que se atopan na UCI 37 (6 menos que onte)
 

Ata o momento, vacináronse fronte á gripe máis de 800.000 galegas e galegos, das que máis de 36.000 son menores de 5 anos
 

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2024

A Consellería de Sanidade acaba de acordar unha nova ampliación da campaña de vacinación fronte a gripe e a covid-19, que se estenderá até o vindeiro 26 de xaneiro.

Trátase do segundo período co que a Xunta amplía as datas para poder vacinarse de ambas infeccións respiratorias, xa que ata o de agora estaba previsto que a campaña rematase o vindeiro 12 de xaneiro.

Unha vez superado o período de vacacións do Nadal, a Xunta decidiu seguir facilitando a posibilidade de que se vacine a poboación que até de agora aínda non o fixera.

Os últimos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública rexistran unha taxa de positividade das probas de gripe do 27,9%, o que reflicte un descenso de 2,28 puntos porcentuais respecto da xornada de onte.

No que atinxe á cobertura de vacinación, até o momento, na comunidade galega vacináronse fronte á gripe un total de 802.646 persoas. Así, a cobertura vacinal en adultos acadou xa un 82% en maiores de 80 anos, e superou a cifra dos 36.000 menores de 5 anos que xa foron inmunizados, o que representa o 51,3%

En canto á presión asistencial vencellada á gripe, o conxunto de centros hospitalarios que conforman o Servizo Galego de Saúde contan cun total de 844 persoas ingresadas (77 menos que onte), dos que se atopan na UCI 37 (6 menos que onte).

Porén, a Xunta mantén habilitado o sistema de autocita para vacinarse de ambas infeccións respiratorias (gripe e covid-19) no conxunto de hospitais da rede sanitaria pública galega.

Neste senso, tanto as persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 59 anos -con algunha condición de risco-, como as persoas de 60 e máis anos, poden facer uso do sistema de autocita para seren vacinados no seu hospital de referencia. Así mesmo, os nenos con idades comprendidas entre os 6 meses e os 11 anos -con algunha condición de risco- poderán solicitar a súa autocita a través da aplicación Sergas Móbil.

Os horarios e lugares de vacinación poden consultarse na seguinte ligazón web:

As persoas que soamente queiran vacinarse contra a gripe -e non da covid-, tamén poderán acudir ao seu centro de saúde, previa solicitude de cita.

A Conselleira de Sanidade lembra a importancia da vacinación para facer fronte as infeccións por virus respiratorias, o uso da máscara en persoas con síntomas ou vulnerables, a hixiene de mans e a ventilación de espazos pechados.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2024