A Xunta convoca para febreiro e marzo os propietarios dos terreos necesarios para completar a mellora integral da PO-235 no concello da Lama

Os actos para o levantamento de actas previas terán lugar os días 6, 7, 8, 13, 14 e 15 de febreiro e a formalización das actas de ocupación os días 19, 20 e 21 de marzo na Casa do Concello
 

As obras, en fase de contratación e cun prazo de execución de 12 meses, supoñen un investimento global de 3,9 M€
 

Actuarase en 7 km desta vía, desde a parroquia de Seixido ata A Portela da Cruz, no límite coa provincia de Ourense, co obxectivo de mellorar as condicións de circulación e facilitar desprazamentos máis seguros
 

Ampliarase a calzada ata os 7 metros de ancho, distribuída en 2 carrís de 3 metros e con beiravías de 0,50 metros, ademais de cuneta transitable de 1,5 metros, e tamén se mellorará o trazado en diversas curvas
 

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2024

A Xunta publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedraa resolución da convocatoria, para este vindeiro mes de febreiro e para o mes de marzo, dos actos expropiatorios necesarios para executar as obras que completarán a mellora integral da estrada PO-235 no concello da Lama.

 

Concretamente, os actos para o levantamento das actas previas á ocupación están convocados para os vindeiros días 6, 7, 8, 13, 14 e 15 de febreiro, das 09,00 ás 14,00 horas, na Casa do Concello da Lama.

A formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 19, 20 e 21 de marzo, no mesmo horario e no mesmo lugar.

As obras consisten na execución da 3ª fase de acondicionamento da estrada autonómica     PO-235 ao longo de case 7 quilómetros, entre a parroquia de Seixido e ata A Portela da Cruz, xa no límite coa provincia de Ourense.
 
A actuación, en fase de contratación e cun prazo de execución de 12 meses, conta cun orzamento global de 3,9 M€, tendo en conta a expropiación dos predios necesarios para a súa execución.
 
A intervención ten como obxectivo mellorar as condicións de circulación, facilitando desprazamentos máis cómodos e seguros aos veciños.
 
Par iso actuarase nun treito de 7 quilómetros da PO-235, entre o quilómetro 18+100, á altura da parroquia de Seixido, e ata A Portela da Cruz, no quilómetro 25 da estrada.
Os traballos consistirán na ampliación da plataforma ata acadar os 7 metros de ancho. Isto significa que a vía disporá de 2 carrís cun ancho de 3 metros e beiravías de 0,5 metros en cada marxe, ademais de cuneta transitable de 1,50 metros. Agora mesmo a estrada nese treito ten estreitamentos que dificultan o cruce de vehículos, cun ancho máximo de 5,60 metros, un problema que quedará solucionado con esta intervención.
 
Tamén se mellorará o trazado en distintas curvas ao longo do tramo no que se vai a actuar. Actualmente a estrada é sinuosa, con curvas de radio reducido e incluso con curvas consecutivas ao longo de 1 quilómetro. A este respecto, e co obxectivo de facilitar a circulación e diminuír o risco de sinistralidade, procederase á rectificación daquelas de menor radio.
 
A intervención tamén incluirá a renovación do firme da estrada e a capa de rodaxe, así como a adaptación da drenaxe transversal da plataforma con tres puntos principais de evacuación.
 
Ademais, procederase ao revestimento de cunetas e á renovación do tendido, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas. 

 

Data de actualización: 09/01/2024