A Xunta destaca a importancia da cooperación en materia de investigación e innovación entre as universidades do suroeste europeo

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe ao comité executivo da Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo
 

Esta rede conta con case unha trintena de entidades de educación superior da Macrorrexión de Rexións do Suroeste de Europa (Resoe) que integra Galicia xunto a Asturias, Castela e León, Cantabria e as rexións Norte e Centro de Portugal
 

A Coruña, 9 de xaneiro de 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu esta mañá xunto ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, á terceira reunión do comité executivo da Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo (Crusoe). Nun acto previo ao encontro puxo en valor o traballo levado a cabo desde este organismo no que se refire á cooperación en materia de investigación e innovación por parte de universidades e centros de ensino superior de Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria e as rexións Norte e Centro de Portugal, territorios que á súa vez integran a Macrorrexión de Rexións do Suroeste de Europa (Resoe).

 

Así o asegurou antes da celebración do comité xunto co presidente da Crusoe e reitor da Universidade de Cantabria, Ángel Pazos; o vicerreitor da Universidade de Aveiro, João Veloso en representación do reitor Paulo Ferreiro; xunto co reitor en funcións da Universidade da Coruña e secretario de Crusoe, Julio Abalde. Na reunión participaron tamén como vogais do comité executivo de Crusoe representantes das universidades de Valladolid, Oviedo e Salamanca e, pola parte portuguesa, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, en Vila Real e do Instituto Politécnico do Cavado e do AVE, en Barcelos.

Galicia lidera o Grupo de Traballo de Educación, Cultura e I+D+i, no que está integrada a Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo dentro da Resoe. De feito, o encontro de hoxe servirá para preparar a organización da próxima asemblea xeral da Crusoe prevista para o vindeiro maio en Cantabria.
 
A Crusoe naceu en 2011 vencellada á posta en marcha da Macrorrexión de Rexións do Suroeste de Europa (Resoe), que aglutina as universidades e institutos politécnicos de distintas rexións fronteirizas, co obxectivo de sumar esforzos en proxectos de investigación e innovación cos que contribuír ao desenvolvemento territorial e á especialización intelixente do suroeste de Europa.

Segundo explicou Diego Calvo, a colaboración académica entre estas institucións tamén permite solucionar os retos de educación e excelencia universitaria da Resoe, promovendo a colaboración tecnolóxica, o intercambio de experiencias e boas prácticas, e a transferencia de coñecemento entre as universidades e o tecido empresarial. Na reunión de hoxe valorouse a creación das Bolsas Crusoe, un programa de bolsas de mobilidade dentro da macrorrexión Crusoe coas que fomentar a cooperación e o intercambio de recursos humanos entre universidades e institutos politécnicos da rede e empresas co obxectivo de fortalecer as relacións entre o sistema científico e tecnolóxico.

O vicepresidente primeiro da Xunta sinalou que a Crusoe cada vez se consolida como “unha rede máis forte e estable que facilita o intercambio de coñecementos, o que se traduce nunha maior capacidade investigadora das universidades galegas e do resto de socios”.
 
Na actualidade, forman parte de Crusoe case unha trintena de entidades de educación superior, máis de 500 grupos de investigación de referencia nacional en España e Portugal, e case 240.000 estudantes repartidos en máis de 40 campus. Así, configúrase como alternativa ás tradicionais redes institucionais do coñecemento e, á vez, promove novos proxectos no espazo macrorrexional do suroeste europeo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2024