O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas para certames de gando bovino selecto organizados polos concellos galegos, dotada cun total de 200.000 €
A finalidade destas achegas é promocionar e difundir este tipo de eventos, aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras, fomentar a súa modernización e a mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións
Considérase ademais que fomentar e potenciar a celebración destes certames supón un incentivo para a recría de animais selectos en Galicia, facilitando o seu coñecemento para o resto das ganderías, e un estímulo para a mellora gandeira
A participación do gando de razas puras nos certames é un compoñente primordial dos programas de difusión da mellora que con carácter xeral teñen que desenvolver as asociacións de criadores de gando de raza pura
Como novidade nesta convocatoria, aumentouse o número máximo de certames subvencionables a celebrar por concello, pasando de dous a tres
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que establece as bases reguladoras das axudas para a celebración de certames de gando bovino selecto, de maneira que os concellos organizadores deste tipo de eventos poidan facer fronte aos gastos correntes derivados dos mesmos. A orde está dotada cun orzamento de 200.000 euros e o seu obxectivo inmediato é a promoción e difusión dos certames de gando bovino selecto criado en pureza en Galicia.
Actuacións subvencionables
As axudas subvencionarán, entre outras, actuacións como a selección e preparación dos animais previas ao evento, así como o seu manexo, estabulación e alimentación durante a celebración do certame. Tamén se apoiará o transporte dos animais para o certame, os gastos derivados do acondicionamento do recinto, os administrativos de xestión, os custos publicitarios e o material de promoción, así como os gastos de mantemento, seguridade, limpeza, seguros e outros. Ademais, como novidade nesta convocatoria, aumentouse o número máximo de certames subvencionables a celebrar por concello, pasando de dous a tres.
Os certames gandeiros son concentracións de animais que teñen como finalidades a exposición para a súa exhibición, a participación nun concurso, a venda e comercialización ou ben unha combinación das anteriores.