O presidente da Xunta participa en Madrid no almorzo informativo de Europa Press

Rueda avoga por unha financiación autonómica que garanta a igualdade dos servizos públicos

“Non hai maior igualdade que un nivel homoxéneo de servizos públicos para toda España, que non dependan do lugar que che tocou ou elixiches vivir”, defendeu

Avoga por un sistema que sexa capaz de responder ás necesidades presentes e futuras dunha poboación cada vez máis avellentada, unha tendencia que advertiu que vai ser común en todos os territorios
 

Madrid, 8 de xaneiro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe unha necesaria reforma da financiación autonómica para que esta garanta a igualdade dos servizos públicos en todo o territorio.

Así o manifestou durante un almorzo informativo organizado pola axencia de noticias Europa Press en Madrid, onde considerou un “reto fundamental” acadar esta igualdade en todo o territorio español. “E non hai maior igualdade que un nivel homoxéneo de servizos públicos para toda España, que non dependan do lugar que che tocou o elixiches vivir”, aseverou.

Por iso, avogou por un sistema de reparto de recursos públicos para que todas as autonomías conten cuns servizos como a sanidade, a educación e os servizos sociais cos “mesmos estándares de calidade”.

Ao respecto, Rueda defendeu o modelo autonómico como unha fonte de estabilidade e de servizo, polo que o sistema de financiamento debe ser capaz de responder ás necesidades presentes e futuras dunha poboación cada vez más avellentada. Neste senso, advertiu que, aínda que neste intre, son as comunidades do norte de España as que están a rexistrar problemas de demografía e de custos de servizo “máis acentuados”, esta tendencia estase a estender a toda Europa. “E estes problemas de financiación, coas súas diferente peculiaridades, van ser comúns en toda España moito antes do que algúns cren”, asegurou.

Por estes motivos, fixo un chamamento ao diálogo entre todas las comunidades autonómicas para achegar a “un punto en común” de cara a conseguir esta reforma de financiación autonómica que suporá “renuncias de todos, pero tamén moitísimos logros”. Para acadar este consenso, considerou necesaria a convocatoria do Consejo de Política Fiscal y Financiera ou a Conferencia de Presidentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/01/2024