A Xunta destina máis de 260.000 € a axudas aos tecores para garantir o equilibrio dos hábitats cinexéticos

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia destina 264.000 euros a axudas aos titulares dos terreos cinexeticamente ordenados (tecor) para garantir o equilibrio dos hábitats cinexéticos, segundo a orde publicada hoxe polo Diario oficial de Galicia.

Esta Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda conta con dúas liñas de actuación. A primeira delas, dotada cun orzamento de 150.000 euros, está destinada a incentivar actuacións de mellora de hábitats cinexéticos mediante a roza e trituración mecánica do mato, gradadura, a emenda e/ou fertilización e sementeira de cereal e/ou leguminosas .

No que atinxe á segunda liña de actuacións, que ten como obxectivo a construción de tobeiras artificiais en terreos cinexeticamente ordenados, o investimento asignado é de 114.000 euros.

A axuda poderá acadar o 100% da actuación subvencionable, cun máximo de 10.000 euros para as actuacións de roza e trituración e de 6.000 euros, no caso de construción de tobeiras.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, a partir de mañá, martes, 9 de xaneiro, e será obrigatorio presentalas de xeito telemático.

Data de actualización: 08/01/2024