O Bono Deporte de 120 euros xa pode descargarse polas familias con nenos e nenas de entre 6 e 16 anos federados ou inscritos no programa Xogade

O delegado territorial reuniuse esta mañá cos responsables da tenda do Pontevedra F.C.

Toda a información sobre os establecementos adheridos e proceso de solicitude pódese atopar na web www.bonodeporte.gal

Pontevedra, 08 de xaneiro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou a tenda oficial do Pontevedra Club de Fútbol, xunto coa presidenta do club, Lupe Murillo, no día en que se abre o prazo para solicitar o bono deporte.

O delegado lembrou que desde hoxe as familias poden descargar os bonos para os nenos e nenas de 6 a 16 anos con licenza federada ou do Programa Xogade para descontar os 120 euros en todo tipo de produtos relacionados coa actividade física. As solicitudes poderán realizarse ata o 29 de febreiro e os bonos descargados poderán empregarse ata o 1 de xullo.

Na propia tenda o delegado territorial destacou a importancia de contar con clubs e entidades deportivas que formen e fomenten o deporte entre a xente moza. “É un labor fundamental que nos permite ter unha mocidade activa, sa e cuns valores de respecto, esforzo e superación admirables”.

Trátase dun sistema que funciona a través dunha aplicación móbil, de maneira que o importe de 120 euros de cada bono contará cun desconto do 80% en cada compra ou servizo adquirido e irase consumindo en función do valor da compra.

O Bono Deporte avanza no cumprimento dos tempos previstos e inicia hoxe o prazo de descarga do bono por parte das familias tras rematar o pasado martes, 2 de xaneiro, o período de adhesión de establecementos comerciais ou entidades prestadoras de servizos á campaña con máis de 700 entidades.

A listaxe está dispoñible na web bonodeporte.gal, na que tamén se recolle toda a información sobre o procedemento a seguir para poder realizar desde hoxe a descarga dos bonos. Así, o primeiro paso consiste en darse de alta nesa web e, unha vez recibido un SMS de validación, xa se poderá activar e descargar o bono en formato dixital a través dun código QR.

Cada beneficiario disporá como máximo dun único bono por menor que se poderá descontar amosando o código QR no momento do pago nos establecementos comerciais e entidades deportivas ou prestadoras de servizos adheridos á iniciativa que estarán identificados ademais cun distintivo da campaña. A entidade accederá á aplicación que, sobre o importe total, validará e calculará o prezo final co desconto. Deste xeito, a plataforma rexistra e desconta o bono e actualiza o wallet do cliente.

Cómpre lembrar que a cidadanía pode empregar tamén o enderezo electrónico bonodeporte@xunta.gal para trasladar as súas dúbidas e suxestións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/01/2024