A delegada territorial da Xunta en Ferrol reuniuse esta mañá con representantes da Real Federación Galega de Fútbol e de varios clubs da zona

Aneiros lembra que desde hoxe está dispoñible para a súa descarga o Bono Deporte para a adquisición de material e realización de actividades deportivas

A iniciativa beneficiará a nenas e nenos de entre 6 e 16 anos federados nalgunha disciplina deportiva ou inscritos no programa Xogade

Descontarase un 80% do custo de cada compra ata esgotar os 120 euros de saldo dispoñible en cada bono
 

Ferrol, 8 de xaneiro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuniuse esta mañá con representantes da Real Federación Galega de Fútbol e de varios clubs da zona para informarlles de que desde de hoxe está dispoñible para a súa descarga o Bono Deporte, unha axuda de 120 euros para a compra de material e equipamento e a realización de actividades deportivas, como a cota dos clubs, clases, monitores ou cursos.

O Bono Deporte está dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 16 anos federados nalgunha disciplina deportiva ou inscritos no programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar).

Cada beneficiario disporá como máximo dun único bono a trocar nos establecementos adheridos que na área territorial de Ferrol, Eume e Ortegal ascenden a 44 (entre establecementos comerciais e entidades deportivas ou prestatarias de servizos deportivos). A listaxe pode consultarse na web bonodeporte.gal, onde tamén se inclúe información sobre o procedemento e desde onde se poderán descargar os bonos que se emiten en formato dixital, a través dun código QR. Estes poderán descargarse ata o 29 de febreiro, salvo se esgote antes o crédito previsto.

Unha vez descargado, o beneficiario poderá empregalo nas súas compras nos establecementos adheridos ata o 1 de xullo. Descontarase un 80% do custo de cada compra ata esgotar os 120 euros dispoñibles. O importe irase reducindo en función do valor da compra realizada (IVE incluído).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/01/2024