A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde do municipio pontevedrés, Jorge Cubela, cumpriron hoxe o acto administrativo de sinatura deste acordo

A Xunta e o concello de Cerdedo-Cotobade colaboran achegando máis de 377.000 euros para completar o saneamento na parroquia de Tenorio

O acordo establece as bases da cooperación técnica e financeira para dotar deste servizo municipal os núcleos de Covas, A Torre Vella e O Río Tenorio

Prevese a execución de 6 tramos de colectores, despregando preto de 1 km de nova rede de saneamento

O convenio fixa o compromiso da Xunta de contratar, executar e financiar as obras nun 89%, con case 336.000€, mentres que o Concello achegará o 11% restante

O obxectivo é iniciar os traballos no último trimestre do ano, cun prazo de execución de 6 meses

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 8 de xaneiro de 2024

A Xunta e o Concello de Cerdedo-Cotobade colaboran achegando máis de 377.000 euros para completar o saneamento na parroquia de Tenorio.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde do municipio pontevedrés, Jorge Cubela, cumprimentaron hoxe o acto administrativo de rúbrica do convenio, polo que se acometerán as obras para levar a rede de saneamento ata os núcleos de Covas, A Torre Vella e O Río Tenorio, completando o saneamento na parroquia de Tenorio. No acto tamén participou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

Baixo este acordo, que foi autorizado o pasado 14 de decembro polo Consello da Xunta, a administración autonómica, a través de Augas de Galicia, cofinanciará as intervencións cunha achega do 89% do custo, poñendo case 336.000 euros. Ademais, Augas de Galicia será a encargada de levar a cabo a contratación e execución das obras, e a súa dirección e xestión ata a súa finalización.

O Concello de Cerdedo-Cotobade, pola súa parte, contribuirá ao financiamento do 11% restante, achegando 41.500 euros.

A entidade local comprométese, ademais, a someter o proxecto a información pública, mediante publicación no Boletín Oficial da Provincia, por un período non inferior a 20 días. Tamén deberá aprobar en Pleno o proxecto, poñer á disposición de Augas de Galicia os terreos necesarios e obter os permisos pertinentes para a realización das obras previstas neste convenio.  Ao remate das actuacións, o Concello recibirá as obras e como titular das mesmas, asumirá a súa posta en servizo, explotación e mantemento.

Tras a formalización hoxe na Casa do Concello do acto administrativo, continuarase cos trámites correspondes, coa consecución da documentación municipal preceptiva para a licitación das obras. O obxectivo é poder iniciar os traballos no último trimestre do ano, cun prazo de execución de 6 meses.

Segundo indicou Ethel Vázquez, esta cooperación permitirá realizar as obras necesarias para ampliar a rede de saneamento ata estes tres novos núcleos de Covas, A Torre Vella e O Río Tenorio, dando continuidade aos traballos xa acometidos na parroquia de Tenorio, de mellora do saneamento e execución dunha nova depuradora.

Precisou así, que para levar o saneamento municipal a estes tres novos núcleos da parroquia de Tenorio serán necesaria a execución de 6 tramos de colectores.

O primeiro treito de colector permitirá dar servizo de saneamento municipal ao lugar de Covas. Esta condución atravesará a estrada N-541 mediante unha perforación horizontal dirixida.

No tramo 2 instalarase un colector para dar servizo a unha vivenda do núcleo de Covas; os tramos 3, 4 e 5 disporán de colectores que darán servizo a varias vivendas do núcleo do Río Tenorio; e no tramo 6 instalarase un colector para dar servizo a 1 vivenda e conectar co treito 5.

En total, tal e como concretou a conselleira, será preciso despregar preto de 1 km de nova rede de saneamento para dar servizo aos veciños destes 3 núcleos.

A intervención completarase coas reposicións necesarias, tanto de firmes como de servizos afectados, como o abastecemento, a telefonía e electricidade.

As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027 en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/01/2024