A Xunta publica hoxe no DOG a transferencia a prol do concello de Covelo dun treito da estrada PO-261 integrado no tecido urbano do municipio

Transfírese á entidade local o dominio público, agás calzada e beiravías, do treito de 580 metros desta estrada situado entre os quilómetros 11+870 e 12+450, con múltiples accesos a rueiros municipais e con marxes acoutadas polas edificacións

Co cambio de titularidade, o Concello terá a competencia para actuar no dominio público desta vía e asume a súa conservación e mantemento

O decreto publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia producirá efectos desde mañá

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto do cambio de titularidade a prol do Concello de Covelo do dominio público viario, agás calzada e beiravías, dun treito da estrada autonómica PO-261 integrado no tecido urbano do municipio.

En concreto, transfírese o treito de 580 metros de lonxitude da PO-261, comprendido entre os puntos quilométricos 11+870 e 12+450.

Esta transferencia materialízase logo de que a entidade local solicitase á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a transferencia dun treito da vía autonómica PO-261, que atravesa solo clasificado como urbano polo instrumento de planeamento urbanístico vixente no Concello de Covelo.

Coa publicación hoxe do decreto de cambio de titularidade no Diario Oficial de Galicia, a entidade local terá competencia para actuar no dominio público viario deste treito da estrada PO-261 con múltiples accesos a rueiros municipais e cuxas marxes están acoutadas polas edificacións; e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación, é dicir, desde mañá.

Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 21 de decembro: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240108/AnuncioG0533-281223-0001_gl.html

Data de actualización: 08/01/2024