O conselleiro do Mar e a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente visitan Noia

A Xunta ofrece a súa colaboración aos concellos para acometer a retirada dos pellets plásticos vertidos por un buque mercante en Portugal

O conselleiro de Mar destaca que foi activado o Plan Camgal en nivel 1 e o servizo de Gardacostas mantén a vixilancia por medios marítimos e terrestres do litoral co obxectivo de detectar a chegada destes materiais

O Goberno galego reclama ao Goberno central máis información sobre as características da carga vertida no mar co obxectivo de dimensionar o seu alcance e características
 

Santiago de Compostela 5 de xaneiro do 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladaron na praia de Testal, no municipio coruñés de Noia, a colaboración da Xunta de Galicia para cos concellos afectados polo vertido pellets plásticos que alcanzou a costa galega co obxectivo de levar a cabo os traballos de limpeza de retirada da forma máis eficaz posible. O pasado 8 de decembro o buque mercante Tocanao, que navegaba en augas portuguesas, perdeu 6 contedores que formaban parte da súa carga, un dos cales transportaba este material que agora, impulsados polas correntes mariñas, esta chegando a varios puntos do litoral.

O titular de Mar informou que foi activado o Plan Camgal en nivel 1 e que o servizo de Gardacostas mantén a vixilancia sobre toda a costa, tanto por medios marítimos como terrestres. co obxectivo de detectar con axilidade a presenza destes materiais para que se poda proceder a súa recollida coa maior axilidade posible. Nese sentido explicou que, polo de agora, non se notificou por parte de ningún buque nin por parte da administración do Estado a presenza en alta mar destes residuos polo que só é posible acometer os traballos de limpeza unha vez que alcanzan a costa.

A ese respecto Alfonso Villares expresou a máxima colaboración da administración galega para cos concellos afectados, que son os que teñen a competencia na limpeza de praias, poñendo a súa disposición na realización destas actuacións para as cales poñen a disposición das administracións locais que o soliciten a persoal de Tragsa co obxectivo de que sirvan de reforzo nos traballos de retirada destes residuos. O responsable autonómico tamén reclamou maior transparencia ao Goberno central e que proporcione toda a información sobre as características da carga derramada no mar polo buque co obxectivo de dimensionar o seu alcance.

Pola súa banda, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que persoal de ambos departamentos- gardacostas e axentes medioambientais- están monitorizando en tempo real a situación e facilitando a información necesaria aos concellos para coordinar as súas actuacións.

Neste sentido e tras lembrar que a obriga de recoller e limpar estes residuos unha vez chegan a terra é municipal, Vázquez Mejuto indicou que a Xunta é consciente das dificultades e limitacións que pode haber nalgún caso e por ese motivo, tamén está a colaborar na retirada “reforzando” o operativo con medios propios onde sexan necesarios.

Tras subliñar que a Xunta “está ao carón da xente do mar, ao carón dos concellos e velando polo noso medio ambiente”, a vicepresidenta emprazou ao Goberno central a permanecer “vixiante” ante os feitos acontecidos e a que verifique e se asegure de que a información da que se dispón sobre o material que está a chegar á costa galega “é real”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/01/2024