O director xeral de Cultura participa na homenaxe a Castelao no 74º aniversario do seu pasamento

O próximo verán cumpriranse 40 anos da chegada dos restos do intelectual a Galicia, efeméride que a Xunta de Galicia quere recordar da man da Fundación Castelao

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe, en representación da Xunta de Galicia, no acto do 74 cabodano de Castelao, organizado pola Fundación Castelao na Igrexa de Bonaval. Unha cita anual para poñer en valor “o gran labor de Castelao a prol da cultura galega”, sinalou Anxo M. Lorenzo.

 

Durante o acto, realizouse a intervención floral que, este ano, foi deseñada pola empresa Anaquiños de papel e inspirada no Pano de Maruxa de Castelao. A cantante e compositora Najla Shami encargouse da interpretación musical na honra do ilustre narrador, ensaista, dramaturgo, debuxante, médico e político galego.

Como sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, este ano “é especial porque se cumpren tamén 40 anos da volta dos restos mortais de Castelao desde Bos Aires”. Foi o 28 de xullo de 1984 cando regresaron ao Panteón dos Galegos Ilustres. Por iso, ao longo do verán, Xunta de Galicia e Fundación Castelao queren recordar este acontecemento tan sinalado na historia da cultura galega. 

Data de actualización: 07/01/2024