Baixan de novo as urxencias de adultos e pediátricas nos hospitais do Sergas

O número de adultos que entraron en urxencias dos hospitais do Sergas baixa dos 3.000 (2.786), e os pacientes pediátricos atendidos tamén volven baixar e xa son menos de 500 (488)
 

En total, onte houbo 351 entradas menos en urxencias
 

Os casos actuais de gripe son 1.678, o que supón 141 menos que a xornada anterior
 

A positividade da gripe é do 33%, o que representa dous puntos menos que na xornada anterior
 

Os datos referidos ao virus respiratorio sincitial reflicten un total de 261 casos activos, once menos que na xornada anterior
 

As coberturas de vacinación da gripe continúan a incrementarse e, en concreto, a porcentaxe de persoas vacinadas de máis de 80 anos é xa do 82 %, e nos maiores de 65 anos do 73,5 %
 

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2024

A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas segue coa avaliación diaria da situación dos servizos de urxencias dos centros hospitalarios e de atención primaria da rede sanitaria pública galega. Segundo os datos referidos ás atencións do día de onte, o número de persoas que entraron en urxencias dos hospitais do Sergas foi de 3.274, o que supón 351 menos que antonte. Destas máis de 3.200 urxencias hospitalarias, 2.786 eran adultos (323 menos que antonte) e 488 pacientes pediátricos (28 menos que antonte).

A porcentaxe total de persoas que requiriron ingreso foi de 18,54 %. Nos adultos un 20,63 % e nos cativos do 5,86 %.

Sinalar, así mesmo, que en Galicia, os casos actuais de gripe son 1.678, o que supón 141 menos que a xornada anterior. Actualmente, hai 895 persoas ingresadas con gripe nos hospitais (nove menos que o día anterior), dos que 42 están en UCI. A positividade da gripe é do 33%, o que representa dous puntos menos que na xornada anterior.

Os datos referidos ao virus respiratorio sincitial reflicten un total de 261 casos activos, once menos que na xornada anterior, e con 163 hospitalizados (un menos que o día anterior). Sinalar que 96 destas persoas hospitalizadas teñen máis de 80 anos.

No que atinxe ao número de persoas ingresadas por covid na actualidade é de 181, das que seis permanecen na UCI, catro menos que o día anterior.

Remarcar que o Sergas habilitou ata o de agora, en aplicación dos seus respectivos plans de continxencia das sete áreas sanitarias, máis de 200 camas sobre o aforo habitual dos hospitais, e reforzou os seus cadros de persoal. Así, nos últimos días, sumáronse 60 profesionais a diversas quendas nos servizos de urxencias.

Vacinación gripe

Xunto ao anterior, a Xunta xa indicou, o pasado 29 de decembro, o uso da máscara en todos os centros sanitarios desde antes da chegada do pico da gripe e ampliou a campaña de vacinación ata o 12 de xaneiro, xa que vacinarse axuda a evitar complicacións que requiran atención nos servizos de urxencias. Ademais, en previsión da chegada máis temperá este ano da gripe, o Goberno galego adiantou 15 días a campaña de vacinación.

Sinalar que as coberturas de vacinación continúan a incrementarse. En concreto, a porcentaxe de persoas vacinadas de máis de 80 anos é xa do 82 %, no grupo de maiores de 65 anos é do 73,5 %; no de maiores de 60 anos do 67,4 % e nos dos menores de cinco anos do 51 %. A campaña permanece aberta ata o día 12.

Neste días que quedan de altas interaccións sociais, a Consellería de Sanidade quere trasladar á cidadanía unha mensaxe de prudencia e facer uso da máscara en calquera lugar cando a persoa teña síntomas de infección respiratoria.

Consello Interterritorial extraordinario

Respecto da convocatoria por parte do Ministerio de Sanidade dun Consello Interterritorial extraordinario, a celebrar o vindeiro luns, sobre a situación das urxencias no conxunto do Estado, a Consellería de Sanidade sinala que, nas últimas dúas semanas, o departamento sanitario galego non tivo ningunha comunicación do Ministerio de Sanidade, nin sequera para saber cal era a situación.

A Xunta agarda coñecer que ferramentas ofrece o Ministerio para facer fronte a esta alta afluencia de pacientes aos servizos de urxencias por mor das infeccións respiratorias. Na súa man, como xa lle transmitimos as comunidades, están, entre outras medidas, ampliar as prazas de formación para contar con máis especialistas, como é o caso dos médicos de atención primaria, que contan cunha maior carga de traballo neste momento pola alta incidencia da gripe.

Non obstante, dende a Xunta vemos positivo que o Ministerio convoque de forma extraordinaria a todas as comunidades autónomas para valorar actuacións coordinadas en materia de saúde pública ante o incremento de infeccións respiratorias en toda España, aínda que non se convocase a ningún representante de Saúde Pública de Galicia para compartir ou comentar nin os datos nin a situación.

En todo caso, aínda que sexa tarde, o Goberno galego agradece a oportunidade de compartir a situación co resto de comunidades e co Ministerio.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/01/2024