A Consellería do Mar pide a cidadanía que notifique a aparición destes materiais ao 112

A Xunta coordina cos concellos afectados e a empresa armadora a retirada dos pellets plásticos vertidos por un buque mercante en Portugal

A Consellería do Mar traslada o seu apoio aos concellos de zonas con posible afección co obxectivo de centralizar as reclamacións á empresa armadora de cara a sufragar os traballos de retirada destes materiais

O Goberno galego mantén contacto co representante legal da empresa armadora o cal trasladou a súa vontade de colaborar coas administracións nas labores de limpeza e retirada deste materiais do litoral

Santiago de Compostela 04 de xaneiro do 2024

O pasado 8 de decembro o buque mercante Tocanao, mentres navegaba en augas portuguesas, perdeu varios contedores que formaban parte da súa carga, un dos cales contiña pellets plásticos, o que foi notificado o CCS Finisterre e posteriormente á Dirección de Costas e á Delegación do Goberno. Nas últimas semanas, e froito de ese suceso e dos efectos das correntes mariñas, foron notificándose a presenza de pellets plásticos en varios areais, principalmente na área que comprende entre Corrubedo e Porto do Son.

Desde a Consellería do Mar se está a traballar na detección e seguimento da aparición destes materiais para a súa posterior retirada ou limpeza por parte das administracións competentes. Nesa liña, Gardacostas de Galicia mantén a vixilancia no litoral para detectar a chegada destes materiais. Sen embargo, e ata o momento non foron notificados avistamentos destes materiais no mar debido a que, polas súas características non se atopan na superficie polo que non é posible a súa retirada por medios marítimos tendo que realizarse unha vez que estes plásticos chegan á costa. Por ese motivo se solicita á cidadanía que notifique a aparición destes materiais ao 112 para acometer os traballos de retirada e limpeza dunha forma áxil e eficaz.

O departamento autonómico explicou que sendo os concellos os competentes en realizar eses traballos de limpeza, trasladouse xa aos municipios das zonas afectadas a máxima colaboración, facilitando o protocolo co que actuar e recoller toda a información dos traballos e custos asumidos por estas administracións para que posteriormente sexan trasladados á empresa. Nese sentido compre sinalar ca Lei de Responsabilidade Ambiental sinala a obriga do responsable dun vertido de facerse cargo das medidas de prevención, evitación e reparación. Desde a empresa xa foi trasladada a súa vontade de colaborar coas administracións con medios técnicos e económicos para atallar a situación.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 04/01/2024