A delegada da Xunta en Ferrol enxalza o traballo dos voluntarios do Banco de alimentos Rías Altas

Ferrol, 4 de xaneiro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o centro de distribución que o Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial) ten en Ferrol, concretamente no polígono da Gándara.

Aneiros coñeceu o funcionamento do día a día desta entidade sen ánimo de lucro cuxa finalidade é a de recoller alimentos excedentes de procedencia moi diversas para distribuílos posteriormente entre 15 entidades colaboradoras da zona que traballan directamente coas persoas máis desfavorecidas.

A delegada da Xunta puxo en valor durante a visita o traballo que realizan os máis de 20 voluntarios cos que conta o centro ferrolán e que cada día “garanten que os máis necesitados dispoñan de bens de primeira necesidade, non só en épocas sinaladas como o Nadal, senón durante todo o ano”.

O almacén de Balrial en Ferrol é un dos tres centros de distribución cos que a entidade opera na provincia da Coruña e nel reciben unha media diaria de 300 quilos de alimentos perecedoiros doados por diferentes supermercados. A estas contribucións se suman os donativos de empresas, centros educativos, particulares, Operacións Quilo ou campañas de recollida. A de maior calado é a que denominan Gran Recollida, que levan a cabo todos os anos no mes de novembro e coa que abastecen a despensa para todo o ano.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/01/2024