A Xunta destaca a traxectoria e a calidade asistencial do Centro de día público autonómico de Tomiño

Tomiño (Pontevedra), 4 de xaneiro de 2024

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá os usuarios do centro de día público autonómico de Tomiño. Alí destacou a calidade asistencial destas instalacións que levan máis dunha década prestando atención diúrna os maiores desta localidade e da súa contorna.

Perfecto Rodríguez lembrou que o Goberno galego impulsa a través do Consorcio un modelo de cooperación entre a Administración autonómica e a local para levar servizos de carácter social por toda Galicia. Así, sinalou que, mediante a adhesión do concello de Tomiño ao Consorcio Galego de Servizo de Igualdade e Benestar, púxose en marcha este centro de día así como as dúas escolas infantís públicas autonómicas deste municipio pontevedrés.

 

Neste sentido, fixo fincapé en que este modelo de cofinanciación do Consorcio para centros de día e escolas infantís foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) no ano 2016 e aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas representantes do municipalismo.

 

Ademais, a normativa vixente de servizos sociais de Galicia, do ano 2008, prevé esta fórmula de cooperación entre administracións a través do Consorcio e así o ten ratificado o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en varias sentenzas. En ningún caso se viu modificada esta normativa autonómica pola Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/01/2024