Máis de 700 establecementos comerciais e entidades deportivas xa están incorporadas ao Bono Deporte

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou en Culleredo o establecemento Deportes Rayman
 

As entidades adheridas á iniciativa contarán cun distintivo identificativo e nelas poderán empregar os seus bonos as persoas beneficiarias
 

O prazo para a descarga dos bonos comeza o próximo luns, 8 de xaneiro
 

Culleredo (A Coruña), 4 de xaneiro de 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá Deportes Rayman, onde agradeceu aos máis de 700 establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos da comunidade que xa están adheridos ao Bono Deporte.

O prazo para sumarse rematou o pasado martes e a cifra total aínda pode incrementarse unha vez se engadan as que faciliten a información requirida e necesaria para dispoñer do distintivo identificativo da campaña.

A listaxe definitiva poderá consultarse na web bonodeporte.gal, onde tamén se inclúe información sobre o procedemento e desde onde se poderán descargar os bonos desde o luns, 8 de xaneiro, que se emitirán en formato dixital a través cun código QR. A cidadanía pode empregar ademais o enderezo electrónico bonodeporte@xunta.gal para trasladar as súas dúbidas e suxestións.

Deste xeito, avanza o cumprimento dos tempos previstos no lanzamento do Bono Deporte. O período para descargar os bonos abrangue desde o próximo luns, 8 de xaneiro, e ata o 29 de febreiro, salvo que se esgote antes o crédito. Poderán usarse ata o 1 de xullo.

O sistema funciona a través dunha aplicación móbil, de maneira que o importe de 120 euros de cada bono contará cun desconto do 80% en cada compra ou servizo adquirido. O importe irase reducindo en función do valor da compra realizada (IVE incluído).

Cada beneficiario disporá como máximo dun único bono por menor de 6 a 16 anos con licenza federada ou do programa Xogade que se poderá descontar nos establecementos adheridos á iniciativa.

As persoas beneficiarias que descarguen o bono terán que amosar o seu código QR no momento do pago e a entidade adherida ao programa accederá á aplicación que, sobre o importe total, validará e calculará o prezo final co desconto. Así, a plataforma rexistra e desconta o bono e actualiza o Wallet do cliente

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/01/2024