Trenor informa aos representantes das familias numerosas que as axudas ao alugueiro convocaranse por 20 M€ e poderán solicitarse a partir do 15 de xaneiro

O delegado trasladoulles que a convocatoria para 2024 conta cun orzamento anual de 10 M€ para este ano e doutros 10 M€ para 2025

Como novidade, incrementarase en 10 puntos a porcentaxe da axuda que correspon-da en caso de que o beneficiario pertenza a algún dos seguintes colectivos: menores de 36 anos, familias numerosas e monoparentais, emigrantes retornados a Galicia recentemente e cunha estadía mínima de 2 anos fóra de España, e persoas inscritas desde hai máis dun ano no Rexistro único de demandantes de vivenda protexida

O importe máximo do contrato de arrendamento poderá ser de ata 600, 550 ou 425 € mensuais, dependendo do concello no que se emprace a vivenda, e os ingresos da unidade de convivencia non poderán superar, con carácter xeral, os 25.200 € ao ano
 

A Coruña, 3 de xaneiro de 2024

 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse, esta mañá, cos representantes de AGAFAN -Asociación Galega de Familias Numerosas- para informar das axudas ao alugueiro, que poderán solicitarse a partir do 15 de xaneiro de 2024 e contarán cun orzamento de 20 millóns de euros. O programa disporá de 10 millóns para o vindeiro exercicio e doutros 10 millóns para 2025, o que supón case cuadruplicar a dotación anual da convocatoria de 2023 (2,7 M€).

O delegado mostrou a súa confianza en que estes fondos cheguen a un maior número de persoas, estimándose que haberá ao redor de 3.600 beneficiarios en toda Galicia, tendo en conta o orzamento aprobado. O representante do Goberno autonómico informou dos cambios substanciais na futura orde que permitirán cubrir en determinados supostos e por primeira vez o 60% do importe da renda mensual do alugueiro, cando ata o de agora a subvención era do 50%.

A tal fin, incrementarase en 10 puntos a porcentaxe da axuda que corresponda en caso de que o beneficiario pertenza a algún dos seguintes colectivos: menores de 36 anos, familias numerosas e monoparentais, emigrantes retornados a Galicia recentemente e cunha estadía mínima de 2 anos fóra de España, e persoas inscritas desde hai máis dun ano no Rexistro único de demandantes de vivenda protexida.

As novidades introducidas nas axudas ao alugamento de vivendas afondan no carácter social destes incentivos ao modular, por un lado, a porcentaxe subvencionada en función dos ingresos dos beneficiarios —un 30, un 40 ou un 50% do custo do arrendamento— e establecer, por outro, un suplemento de 10 puntos porcentuais no caso de colectivos que adoitan ter máis dificultades á hora de acceder a un fogar.

Deste xeito, búscase garantir un funcionamento máis xusto e distributivo do programa, tal e como demanda a situación económica actual, xa que se terán en conta os ingresos e as circunstancias persoais e familiares dos solicitantes en lugar de facer un reparto lineal entre todos.

Neste sentido e con carácter xeral, os ingresos da unidade de convivencia non poderán superar 3 veces o Iprem (25.200 €/ano) e canto máis baixos sexan, maior será a porcentaxe da renda subvencionada. En todo caso, o tope elevarase ata 4 ou 5 veces o Iprem no caso de familias numerosas ou que teñan algún membro cunha discapacidade.

A nova convocatoria limita tamén o prezo do arrendamento das vivendas para as que se solicita a axuda en función do concello no que estean localizadas. En concreto, no caso das 7 cidades, onde os prezos son máis altos, a renda máxima queda fixada en 600 euros; nos concellos da zona 1, que agrupa as vilas e os municipios de carácter urbano, o límite será de 550 euros; e no resto de Galicia o arrendamento non superará os 425 euros.

A modo de exemplo, as persoas que teñan dereito a unha axuda do 60% poderán recibir ata 360 euros ao mes para pagar o alugueiro se viven nunha cidade, un máximo de 330 euros no caso de concellos da zona intermedia e ata 255 euros mensuais nos restantes.

Estas subvencións concederanse por 12 meses e poderase solicitar a súa renovación para un segundo ano. Ademais, a concesión realizarase con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2024, aínda que a resolución teña unha data posterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/01/2024