A Xunta dá a coñecer o protocolo contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de lecer nocturno aos representantes deste sector

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, reuniuse con representantes da hostalería nocturna para expor o contido deste documento ao que se poderán adherir con carácter voluntario discotecas, pubs, salas de festas e cafés espectáculo
 

 Trátase de ofrecer pautas comúns de actuación aos profesionais ante calquera mostra de violencia nos establecementos
 

A Xunta ofrecerá un programa de formación en liña de dez horas aos profesionais do ocio nocturno para que coñezan as manifestacións máis habituais de violencia e que poidan combatela e incidir na súa prevención

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2024

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes do sector do ocio nocturno para darlles a coñecer o contido do Protocolo autonómico de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de lecer nocturno, ao que se poderán adherir en datas próximas, así como o programa formativo dirixido a estes profesionais co obxectivo de unificar actuacións para combater e atender as situacións de violencia que se poidan rexistrar nos seus establecementos.

No encontro, ademais da secretaria xeral da Igualdade, participaron representantes de Galicia de Noite, da Federación de hostalería de Pontevedra (Feprohos), da Federación de empresarios de salas de festa, baile e discotecas de Galicia (Fesdiga), da Asociación provincial de cafeterías e pubs de Pontevedra (Apcap) e da Asociación provincial de empresarios de hostalería e turismo de Lugo (Apehl).

O protocolo, tal e como explicou Sandra Vázquez na xuntanza, incidirá na prevención e no tratamento de situacións de violencia detectadas nos espazos de lecer nocturno. Entre os seus principios de actuación priorizarase a atención á vítima, a confidencialidade e a inmediatez. Tamén facilitará que os establecementos adheridos ao mesmo desenvolvan iniciativas de prevención e sensibilización.

O obxectivo último do protocolo pasa pola prevención, a detección e a actuación ante situacións de violencia sexual e LGBTIfóbica que supoñan unha ameaza para as mulleres e as persoas lesbianas, gais, trans, bisexuais e intersexuais.            

No eido da prevención búscase xerar un modelo festivo e de ocio nocturno baseado na igualdade e no respecto ás liberdades individuais e colectivas de todas as persoas, sen cargas sexistas nin discriminatorias na publicidade, na política de prezos ou nos accesos.

En canto á detección, bríndase aos profesionais pautas para recoñecer manifestacións violentas, ben relacionadas coa presenza de imaxes ofensivas no recinto, como coa linguaxe sexista ou de contacto físico ou intimidatorio.

No referido ás pautas de actuación, fíxase a atención á vítima ante unha situación potencialmente perigosa. Actuar con calma, preservar a confidencialidade, acompañar ou informar dos recursos cos que conta a persoa agredida son algúns dos aspectos protocolizados polo documento.   

Apoio formativo

Tal e como informou Sandra Vázquez a adhesión ao protocolo -voluntaria para discotecas, salas de festas, pubs e cafés espectáculo- irá acompañada dun programa de formación en liña dirixido tanto ao equipo directivo dos establecementos como ao persoal de seguridade e sala, de barra ou doutro tipo.

No curso, de dez horas de duración durante catro semanas, abordaranse cinco módulos temáticos acerca das formas de violencia contra a muller e contra as persoas LGTBI; a análise do contexto nos que se producen e a súa detección; as pautas de actuación ante casos de violencia sexual ou LGTBIfóbica e como previr estes comportamentos a través da educación e da sensibilización da cidadanía.

Ao remate da formación, e superada a avaliación, o persoal dos espazos de lecer nocturno recibirá un diploma acreditativo da formación recibida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/01/2024