O delegado territorial percorre a parroquia de Paraños, en Covelo, xunto aos usuarios da Comunidade de augas

Os veciños da parroquia mostraron ao delegado as infraestruturas que permiten que a auga chegue aos fogares asociados

Reguera felicitou á Comunidade por todo o logrado e destacou o papel imprescindible da xunta directiva
 

Covelo, 2 de xaneiro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou aos usuarios da Comunidade de Usuarios de Paraños, no concello de Covelo. Xunto ao alcalde e a unha boa representación dos veciños involucrados, o delegado visitou os puntos máis importantes da zona.

A comunidade conta con máis de 140 usuarios que autoxestionan os seus recursos hídricos. Unha ducia deles acudiron ao encontro do delegado territorial para ensinarlle os progresos levados a cabo e as últimas obras efectuadas. Segundo explicaron, os veciños renovaron boa parte das tubaxes e instalaron dúas arquetas que melloran e aseguran o subministro de todos os fogares asociados.

Ademais, a comunidade aproveitou unha obra municipal no centro da parroquia para enterrar as tubaxes, abaratando así os custos da reforma.  

Agustín Reguera felicitou aos veciños polo traballo realizado e lembrou a importancia de contar cunhas asociacións e comunidades de augas “comprometidas e que se esforcen en coñecer e aplicar a todas as axudas públicas”.

O delegado rematou a visita sinalando o mérito de todos os veciños e veciñas que se involucran nos grupos directivos deste tipo de asociacións: “É un traballo voluntario que require dunha gran implicación e que se leva a cabo coa única motivación de facer un ben á súa veciñanza. Creo que é algo de admirar e agradecer”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/01/2024