O Diario Oficial de Galicia publica unha nova convocatoria das axudas mensuais de ata 800 euros para mulleres vítimas da violencia de xénero

A comunidade ofrece un apoio periódico para estas mulleres, que poden solicitalo en calquera momento do ano cun orzamento inicial de 5,4 millóns de euros, ampliable en función das necesidades
 

A contía das achegas vai dos 200 aos 800 euros mensuais tendo en conta os ingresos, fillos e condicións de discapacidade
 

O DOG publicita tamén hoxe as axudas de pago único para apoiar ás vítimas con dificultades de emprego e as de indemnización que dan cobertura a estas mulleres nos casos de impago por parte dos agresores das contías fixadas polos xulgados
 

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria para 2024 e 2025 das axudas  económicas de carácter mensual que concede ás vítimas da violencia de xénero para que poidan gañar independencia económica dos seus agresores.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará 5,4 millóns de euros de fondos autonómicos para facer fronte durante o próximo bienio a estas achegas que van dos 200 aos 800 euros mensuais. Este orzamento pódese ampliar en calquera momento para atender as necesidades que poidan xurdir.

Galicia segue así a ofrecer estes apoios, que a Xunta considera fundamentais para acompañar ás mulleres na súa recuperación e para seguir a súa vida afastadas da situación de violencia atravesada.  

Son potenciais beneficiarias as mulleres vítimas da violencia de xénero que racharan a convivencia co agresor no último ano. Tamén as afectadas por explotación sexual ou trata con fins de explotación sexual e ás vítimas de violencia vicaria.

A convocatoria diríxese a mulleres vítimas maiores de idade, empadroadas e con residencia efectiva na Comunidade -e permiso de residencia, no caso das estranxeiras- e que acrediten ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente. Tampouco poden ter percibido esta axuda con anterioridade.

A achega consiste nun pagamento mensual para a beneficiaria, que se concede por un máximo de 12 mensualidades. Esta cantidade pode oscilar entre os 200 e os 800 euros, contía baremable en función dos ingresos da perceptora, das fillas ou fillos menores (ou menores en acollida) e das condicións de discapacidade.

A convocatoria destas axudas permanece aberta durante todo o ano, para que as mulleres poidan solicitala no momento no que a precisen.

Axudas de pago único e indemnización

En paralelo, a Xunta de Galicia ofrece ás vítimas da violencia de xénero dúas liñas de apoio complementarias hoxe tamén publicitadas no Diario Oficial de Galicia: axudas de pago único e de indemnización.

O Goberno galego destina ás axudas de pago único case 1,7 millóns de euros. Están dirixidas ás mulleres vítimas da violencia de xénero con dificultades na busca de emprego. Supoñen, con caráter xeral, unha achega equivalente a seis veces a contía do subsidio por desemprego vixente. Esta contía incrementarase nos casos nos que a vítima teña menores ou familiares ao cargo e por condicións de discapacidade.

As axudas de indemnización, por outra banda, garanten que as vítimas perciban as contías que lles corresponden por resolución xudicial. Tal e como recolle o DOG, a Xunta destina en 2024 un total de 55.000 euros para que estas mulleres poidan percibir os pagamentos obrigados por sentenza en caso de incumprimento por parte do agresor. A contía máxima subvencionable da indemnización establécese en 6.000 euros.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/01/2024