O conselleiro reuniuse coas representantes da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca

A Xunta traslada a Anmupesca o seu compromiso por acadar o maior apoio posible para o marisqueo galego e polas medidas que garantan o futuro da actividade

O titular de Mar detallou ás máximas representantes deste colectivo e a mariscadoras de boa parte das rías galegas os obxectivos e a situación actual da petición ao Goberno central de zona catastrófica polo impacto das choivas torrenciais

Alfonso Villares sinaloulles que o que pretende e conseguir todos os recursos posibles, propios, do Estado e de Europa en favor da recuperación da produtividade dos bancos

Avanzoulles que se traballa tanto en liñas de apoio a curto prazo en beneficio do sector como nun plan de acción a futuro en favor da sustentabilidade e rendibilidade

Recoñeceu ante estas profesionais que a Consellería traballou en solitario, pois desde a Administración central non se interesaron pola situación do sector
 

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Sen os homes e as mulleres do mar  Galicia non sería o que é hoxe, e garantir o seu porvir é a razón de ser da Consellería do Mar. Ese foi o mensaxe que lles quixo transmitir hoxe o conselleiro deste departamento da Xunta, Alfonso Villares, na reunión que mantivo coas representantes da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca, Anmupesca, ás que trasladou a intención da Xunta de Galicia de acadar o maior dos apoios posibles para as afectadas e afectados pola altísima mortaldade no marisco nos últimos meses do ano, tanto cos recursos propios da Xunta como os que se reclama que mobilicen as administracións central e a europea.

Tras escoitar a situación do sector en boca dalgunhas das súas principais protagonistas, o conselleiro do Mar sinalou ás representantes das mulleres da pesca que a Xunta ultima vías de apoio para os afectados e pretende articular un plan de acción que contribúa a recuperar a produtividade.

No encontro participaron Rita Míguez de la Iglesia, presidenta de Anmupesca, e Ángeles Mille, secretaria deste colectivo, así como Marina Buceta, vogal de Anmupesca e mariscadora na Ría de Pontevedra; Ángela Tojeiro e Cristina Fernández, mariscadoras en Cariño; Mª Ángeles Piñeiro e Adelaida Lestón, profesionais da ría de Muros-Noia; Inés García e Ana Castiñeira, de Corme-Laxe; Jacqueline Lista, a presidenta das mariscadoras de Camariñas; e Ana Belén Sotelino, mariscadora na Ría de Vigo. A todas elas se comprometeu o conselleiro a ter informadas sobre todos os apoios en favor do sector.

Tras escoitar detidamente os pormenores e as necesidades trasladadas desde cada unha destas zonas e por Anmupesca de forma global, o titular de Mar trasladoulles que a petición ao Executivo central da petición de declaración dos concellos costeiros das provincias de A Coruña e Pontevedra como zonas afectadas gravemente por unha situación de emerxencia derivada das incesantes precipitacións desde mediados de outubro ata mediados de novembro xa está en Madrid, tanto no Ministerio do Interior como no Ministerio de Política Territorial, trasladada pola Delegación do Goberno.

Neste encontro de preto de dúas horas Alfonso Villares trasladou a Anmupesca que ante a falta de calquera interese desde a Administración estatal, que podía terse interesado e habilitado xa distintos apoios, a Xunta decidiu actuar trala altísima mortaldade nos moluscos bivalvos. O conselleiro do Mar sinalou que en España recentemente existiron outras situacións de emerxencia ou catástrofe nas que o Executivo central foi máis proactivo, pois pode declarar motu proprio zonas afectadas, pero non ocorreu así.

O responsable galego manifestou a Anmupesca que se persegue acadar o apoio que acadaron outras comunidades autónomas ante fenómenos análogos, demandando a mesma sensibilidade con Galicia e coas mulleres que se dedican ao marisqueo. So en setembro, entre incendios e as choivas pola DANA, apoiouse a 14 autonomías.

 Sinalou Alfonso Villares a Anmupesca e ás mariscadoras que a Xunta decidiu actuar desde o minuto un e preparar a resposta ante o forte impacto deste fenómeno excepcional sobre o medio de vida dos milleiros de mariscadoras e mariscadores que se viron afectados, e por iso a petición de zona catastrófica para cubrir o máximo do impacto na produción.

A reclamación galega susténtase por Meteogalicia, que certificou unhas precipitacións excepcionais na vertente atlántica entre o 15 de outubro e o 16 de novembro nas que se recolleron máis de 1.000 litros por m2, un 127% máis ao valor climático normal. Intecmar certificou que  isto produciu un incremento na auga doce descargada polos principais ríos que desembocan nas rías  cun forte impacto na salinidade das augas, rebaixando a salinidade por debaixo do limiar de supervivencia dos moluscos, con mortaldades que chegaron a superar o 80% en algunhas zonas e especies, tal e como confirmou o CIMA.

Este impacto deixouse notar a pé de lonxa, como proban os descensos da produción de máis do 80% e na facturación do 57% respecto ao rexistrado o ano pasado no período do 24 de outubro ao 24 de novembro.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 29/12/2023