A Xunta informa á cadea mar-industria e aos concellos costeiros das alegacións presentadas ante o Tribunal Constitucional sobre a Lei do Litoral de Galicia

Ángeles Vázquez subliña que o Goberno galego remitiu un extenso documento de 350 páxinas no que se defenden os intereses dos propietarios de inmobles e de actividades estratéxicas no dominio público marítimo-terrestre

Alfonso Villares considera que Galicia conta con todos os argumentos necesarios para que prosperen as súas demandas e poder desenvolver así con total normalidade as competencias sobre a súa costa
 

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantiveron hoxe unha reunión informativa con representantes da cadea mar-industria e dos concellos costeiros na que lles explicaron as alegacións presentadas polo Goberno galego ante o Tribunal Constitucional en resposta ao recurso presentado polo Executivo central contra a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

A vicepresidenta segunda subliñou durante o encontro que tras un “exhaustivo e rigoroso traballo dos servizos xurídicos”, o Goberno galego remitiu ao Tribunal Constitucional un extenso documento de 350 páxinas no que se defenden os intereses dos propietarios de inmobles e de actividades estratéxicas no dominio público marítimo-terrestre (DPMT) insistindo en que a lei galega ten como obxectivo dar seguridade xurídica ás instalacións asentadas na costa.

Despois de salientar que esta xuntanza se enmarca na rolda de contactos que se veñen mantendo desde hai meses sobre esta cuestión, Ángeles Vázquez reiterou que Galicia ten as competencias exclusivas para a xestión do seu litoral tal e como establece o artigo 27 do Estatuto de Autonomía e como recoñeceu o Consello Consultivo de Galicia.

O conselleiro do Mar, pola súa parte, mostrou o seu convencemento de que o Tribunal Constitucional dará a razón a Galicia pois a súa lei do litoral é unha norma que responde aos intereses do conxunto da cidadanía galega e dos seus sectores produtivos, non vai contra ninguén e só busca aportar seguridade xurídica a un cento de empresas e milleiros de empregos.

Alfonso Villares incidiu en que a súa construción lexislativa é impecable, do mesmo xeito que o son os argumentos dirixidos a tombar o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central, que probarán que a lei galega se desenvolveu dentro do marco de competencias que outorga o Estatuto de Autonomía.

O titular de Mar tamén agradeceu que cada vez son máis os patróns maiores das confrarías e representantes de asociacións e empresas vinculadas á cadea mar-industria que se están adherindo e amosando o seu apoio ao manifesto promovido na comunidade en favor da lei do litoral. Alfonso Villares apuntou que é lóxico que haxa este clamor pois non é de recibo que se pretenda cualificar de inconstitucional a lexislación galega mentres ao País Vasco se lle cede a xestión do litoral sen ter que modificar un estatuto que recolle as mesmas competencias neste ámbito que o galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/12/2023