Hoxe entran en vigor os orzamentos de Galicia para este ano 2024

As contas deste ano inclúen 13.257 millóns de euros

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro 2024

Hoxe entran en vigor os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para este ano 2024 que ascenden a 13.257M€.

Os presupostos inclúen 9.774 millóns de euros para gasto social e fomento do emprego e máis de 2.800 millóns para investimentos. En materia de política fiscal, consolidan as rebaixas fiscais existentes e inclúen novos incentivos fiscais.

Neste marco, na declaración do IRPF do ano 2023 que se realiza no 2024, as familias con dous fillos poderán deducir 250€, dedución que ata agora tiñan as familias numerosas de categoría xeral. De forma paralela, as familias numerosas terán duplicada esta cantidade, e pasarán a deducirse 500€. Tamén se incrementa esta dedución noutros 250 euros por cada fillo a maiores.

Ademais, hoxe tamén entran en vigor as baixadas no Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP): a rebaixa do tipo xeral para a compra de bens inmobles usados (que pasa do 9% ao 8%); a baixada do ITP para a compra de vehículos usados (do 8 ao 3%); a baixada para a adquisición de inmobles que vaian ser obxecto de inmediata rehabilitación e que teñan ao rematar o uso de vivenda; e a eliminación do imposto para as compras de vehículos cualificados de ‘baixas emisións’ e vehículos de mobilidade persoal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/01/2024