Xunta e sindicatos pactan unha nova convocatoria para o acceso á carreira administrativa

Trátase dun sistema voluntario e consolidable que recoñece o desempeño do persoal empregado público e a súa formación

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2023

A Xunta e as organizacións sindicais acaban de pactar a apertura dunha nova convocatoria de acceso á carreira administrativa do persoal funcionario, así como un complemento equivalente para o persoal laboral.

Estes acordos, ratificados xa polo Consello da Xunta, foron acadados con CC.OO., UXT e CSIF no caso do persoal funcionario, e con CC.OO. e UXT no caso do persoal laboral.

A carreira administrativa é un sistema voluntario e consolidable de carácter ordinario e extraordinario que recoñece o desempeño e a formación continua dos empregados e empregadas públicos con independencia de que sexa persoal fixo ou temporal.

Este sistema ten vocación de estenderse a todos os servizos públicos autonómicos, e o seu obxectivo principal é favorecer a motivación do persoal empregado público e a súa mellor formación nunha época de grandes cambios tecnolóxicos e organizativos.

A carreira administrativa conta con dous réximes de aplicación: un réxime ordinario cun grao inicial e catro graos máis, aos cales se accede cunha determinada permanenza no grao anterior sempre que se cumpran os requisitos. Para acceder ao grao I é necesaria unha antigüidade de cinco anos desde a adquisición do grao inicial; seis anos desde a adquisición do grao I para o acceso ao grao II (igual que para acceder do grao II ao III); e sete anos desde a adquisición do grao III para acceder ao grao IV.

Pola súa banda, o réxime extraordinario ten a finalidade de adiantar os tempos e que os empregados públicos cunha maior antigüidade poidan acceder anticipadamente aos distintos graos.

Para poder progresar na carreira tense en conta, entre outros criterios, a actividade profesional, a formación e innovación, a implicación ou a participación en iniciativas e programas especiais, en liñas de traballo específicas ou transversais, en procesos de cambio e na implantación de novos sistemas.

O persoal empregado público percibirá de xeito progresivo unha contía anual por cada grao acadado que vai desde os 801€ ata os 2.589€ segundo a súa categoría profesional.

Nova convocatoria

A nova convocatoria de recoñecemento extraordinario dos graos I e II da carreira administrativa e do complemento de desempeño (no caso de persoal laboral) permitirá que o persoal empregado público que conte con 5 anos de antigüidade a 31 de decembro deste ano poida acceder ao grao I da carreira administrativa ou do complemento de desempeño. Así mesmo, aquelas persoas que teñan 11 anos de antigüidade nesa data poderán solicitar o recoñecemento extraordinario do grao II.

Ademais, amplíase o ámbito de recoñecemento da carreira administrativa ao persoal doutra Administración Pública que presta servizos na Xunta de Galicia; e pasan a computar a efectos de carreira administrativa os servizos prestados noutras Administracións Públicas ou os servizos prestados como persoal estatutario ou como funcionario da Administración de Xustiza.

Data de actualización: 30/12/2023