A Xunta concede o VI Premio CGAC de investigación e ensaio ao historiador e documentalista Aitor Hernández Marcos

O xurado destaca a orixinalidade da súa proposta, ‘A escola da noite’, onde conecta a arte coa filosofía, o cinema ou a literatura universal

O galardón, dotado con 3.000€, enmárcase no labor editorial desenvolvido polo CGAC a prol do coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia vén de conceder o VI Premio CGAC de investigación e ensaio a Aitor Hernández Marcos polo traballo A escola da noite que obtivo a máxima puntuación por parte xurado nomeado ao efecto. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución deste galardón, dotado con 3.000€.

A decisión foi adoptada por unanimidade polo xurado presidido polo director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago Olmo, e integrado pola escritora e ensaísta Rebeca Baceiredo Pérez e os profesores Almudena Fernández Fariña e Juan Manuel Monterroso Montero. Todos eles destacaron a orixinalidade do texto presentado por Hernández Marcos, quen, en palabras do xurado, nas páxinas do seu ensaio “consegue debuxar unha suxestiva e cativadora biografía intelectual balizada por multitude de referencias de ámbitos como a filosofía, o cinema ou a literatura universal”.

Igual que as obras premiadas en edicións anteriores, A escola da noite publicarase dentro da serie CGAC_Ensaio, unha colección que naceu vinculada ao Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea coa vontade de apostar pola creación ensaística en lingua galega.

Aitor Marcos (Béjar, Salamanca, 1995) cursou estudos de grao e máster en Historia da Arte na Universidade de Salamanca. Tras obter o seu título de mestrado trasladouse a Galicia para realizar as súas prácticas. Desde entón colaborou de xeito puntual en varias publicacións e revistas especializadas en arte e deseño e traballou como documentalista no proxecto Un viaje extraordinario: el efecto espejo de los océanos.

Premiados nas edicións anteriores

O Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea creouse en 2018 co obxectivo de promover a creación ensaística en lingua galega no ámbito das artes e a cultura contemporánea. Os textos premiados ata o momento son os seguintes: A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, de Rosendo Cid; Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea, de María Marco Covelo; Memoria do azul. A afección monocroma do contemporáneo, de Laura Calvo Gens; O menor: procesos a-significantes na arte contemporánea, de Matías G. Rodríguez-Mouriño, e A caverna baleira, de Jorge Fernández Gonzalo.

 

Data de actualización: 01/01/2024