A Consellería de Sanidade lembra da importancia de vacinarse da gripe e da COVID-19

As persoas que aínda non se vacinasen fronte a estas infeccións respiratorias teñen a posibilidade de facelo nos hospitais galegos, mediante o sistema de autocita

Galicia conta na actualidade con máis de 760.000 persoas vacinadas xa fronte á gripe
 

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade lembra da importancia de vacinarse fronte a covid-19 e a gripe con motivo das xuntanzas familiares que son habituais no Nadal. Así, mantén habilitado o sistema de autocita para vacinarse de ambas infeccións respiratorias no conxunto de hospitais da rede sanitaria pública galega.

Deste xeito, tanto as persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 59 anos -con algunha condición de risco-, como as persoas de 60 e máis anos, poden facer uso do sistema de autocita para seren vacinados no seu hospital de referencia. Así mesmo, os nenos con idades comprendidas entre os 6 meses e os 11 anos -con algunha condición de risco- poderán solicitar a súa autocita a través da aplicación Sergas Móbil.

No caso de querer vacinarse soamente contra a gripe -e non da covid-, as persoas que aínda non o fixeran tamén poderán acudir ao seu centro de saúde -previa solicitude de cita-.

Galicia conta na actualidade con máis de 760.000 persoas vacinadas xa fronte á gripe, e das que 34.000 son menores de 5 anos (48% do total).

En canto á covid, os datos publicados polo Ministerio de Sanidade a pasada semana sitúan a Galicia como líder en cobertura cun 65,85% de vacinados maiores de 60 anos (5 puntos por encima da segunda comunidade autónoma e dez puntos por riba da media nacional). Por franxas de idade, Galicia acada un 77,16% de cobertura en maiores de 80 anos (17 puntos máis que a media nacional), un 66,88% en 70-79 anos (9 puntos máis que a media nacional) e un 53,50% en 60-69 anos (máis de 25 puntos por encima da media do Estado).

Na seguinte ligazón pódese consultar o lugar, data e horarios en cadanseu hospital público, para vacinarse da gripe e da covid-19:

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/12/2023