O conselleiro de Mar visitou o mercado acompañado polo delegado en Lugo, Javier Arias

A Xunta denuncia desde a Feira de Sarria a falta de sensibilidade do Goberno central por manter o veto á rebaixa do IVE aos produtos do mar e á carne

Alfonso Villares considera que o sector primario volve quedar excluido pola cerrazón do Executivo estatal da lista de produtos básicos bonificados, o que supón manter o agravio histórico fronte a outros alimentos e afecta ao consumo

Desde Galicia non se ve explicación posible a una decisión que vai en contra da saúde, contra a dieta atlántica, e que afecta negativamente a actividades que son esenciais

Sarria (Lugo), 27 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a Feira Tradicional e Mercado de Gando de Sarria, unha visita na que puxo en valor a celebración destas citas comerciais ao longo de toda Galicia e especialmente no interior, e onde tras realizar o percorrido pola mesma lamentouse da falta de sensibilidade amosada polo Goberno central, que mantén o agravio histórico cos alimentos do mar e a carne, e por tanto co sector primario galego, ao vetar a súa inclusión na cesta da compra de produtos básicos que manterán a rebaixa do IVE durante o primeiro semestre de 2024.

Desde a Xunta se facía fincapé en que a decisión tomada polo Executivo de Pedro Sánchez e anunciada por el mesmo tralo Consello de Ministros prexudica ao sector agrogandeiro e ao sector marítimo-pesqueiro galego e ás súas industrias transformadoras, Alfonso Villares apuntaba que “hoxe volvemos a estar todo o sector do mar decepcionado co Goberno central, que volveu a excluír aos produtos da pesca e a acuicultura da cesta básica da compra á que si se lle aplica esa baixada do IVE”.

Recordou o titular de Mar que dende a Xunta de Galicia se reclamou en repetidas ocasións nos últimos tres anos sen éxito que o peixe se considerase entre os alimentos de primeira necesidade, tanto pola súa fundamental aportación á saúde como polo positivo impacto que tería esta decisión no consumo, á baixa debido a esta discriminación. Recordou que é algo que se reclama desde o sector para conseguir que se recupere este consumo, pois a súa caída está a afectar a moitos produtores.

“Volvemos a estar excluídos e esquecidos por parte do Goberno central, o que supón unha falta de respecto, pois esta petición non só se lle trasladou desde a Xunta, senón tamén desde o Parlamento de Galicia e aos partidos que o conforman”, sinalou Alfonso Villares. “Non entendemos esta cerrazón por parte do Goberno central, é algo que vai en contra da saúde, contra a dieta atlántica, e outra porque non se apoia a un sector que é esencial”.

Fronte a esta situación, o titular de Mar comprometeuse a seguir apoiando á nosa cadea mar-industria, insistindo nas campañas de promoción para, conxuntamente co sector, para conseguir que se consuman máis peixes e mariscos, pois é positivo en tódolos sentidos. “Os únicos que non entenden que é positivo son os dirixentes do Goberno central”, sinalou Villares. 

A reclamación da rebaixa do IVE  realizouse sempre en coordinación cos produtores, en foros, reunións e incluso ao propio Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación a través de cartas e no encontro celebrado a semana pasada en Madrid.

A exclusión destes alimentos provoca que se reduza o seu consumo, como evidencian xa varios estudos presentados recentemente da man das universidades galegas, e que se resintan os produtores, que configuran un piar básico para a economía española. A redución ou eliminación deste imposto aumentaría o consumo dos produtos do mar e do agro cos conseguintes beneficios para a saúde dos consumidores e económicos para o sector. Incluír estes produtos na cesta de alimentos básicos é unha reivindicación apoiada tamén polo Parlamento Europeo e a Comisión Europea.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 27/12/2023