A Xunta licita por 3,3 M€ as obras de rehabilitación e construción de 13 vivendas para alugueiro social en Ferrol Vello

O contrato, que sae a concurso hoxe na plataforma de contratos de Galicia, suporá a rehabilitación de cinco edificios e a construción doutro novo para dispoñer dun total de 13 vivendas, 11 rochos e un local

Os traballos realizaranse en inmobles que foron adquiridos no seu momento polo Instituto Galego da Vivenda e Solo por algo máis de 510.000 euros

O edificio de nova construción permitirá dispoñer de dúas vivendas de promoción pública adaptadas para o seu uso por persoas con mobilidade reducida

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia investirá 3,3 millóns de euros na rehabilitación de seis inmobles adquiridos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en Ferrol Vello co obxectivo de destinalos a alugueiro social. A plataforma de contratos de Galicia publicou hoxe a licitación das obras de recuperación desas propiedades, correspondentes ao Programa Rexurbe e que permitirán engadir 13 vivendas á bolsa pública residencial do Executivo galego.

O contrato que sae a concurso en seis lotes suporá a rehabilitación de cinco inmobles e a construción doutro novo para dispoñer desas 13 vivendas de promoción pública, once rochos e un local. Os espazos nos que se vai actuar atópanse todos no barrio de Ferrol Vello -declarado ben de interese cultural no ano 2011- e foron adquiridos no seu momento polo IGVS por un importe que supera os 510.000 euros. 

O edificio que máis vivendas xerará é o do número 18 da rúa Espartero, que se rehabilitará para dedicalo a tres vivendas de promoción pública por un importe de licitación de máis de 700.000 euros. O inmoble, que contará con ascensor, estará distribuído en catro andares: na planta baixa estará o acceso ao edificio, os rochos, os servizos complementarios e parte dunha vivenda; na 1ª estará unha vivenda de 3 dormitorios e 105 metros cadrados útiles (trátase dun dúplex con parte del na planta baixa); na 2ª planta estará unha vivenda de 2 dormitorios e 79 metros cadrados e na 3ª, no baixo cuberta, a terceira vivenda, dun dormitorio e 61 metros cadrados útiles.

Na rúa Espartero rehabilitaranse outros dous inmobles. No número 46 crearanse dúas vivendas e dous rochos partindo dun importe de licitación de algo máis de 400.000 euros. O edificio contará con tres andares: a planta baixa acollerá o portal de acceso e parte dunha vivenda de dous dormitorios que continuará na 1ª planta para sumar un total de 87 metros cadrados de superficie útil. Na 2ª planta, o baixo cuberta, situarase a segunda vivenda, cun dormitorio e 68 metros cadrados de superficie útil.

O terceiro edificio a rehabilitar na rúa Espartero atópase no número 59. As obras permitirán dispoñer de dúas vivendas tipo dúplex de promoción pública e dous rochos tras un investimento de arredor de 550.000 euros. Na planta baixa estará o acceso desde a rúa, os rochos, os servizos complementarios e parte da primeira vivenda, que continuará no primeiro andar ata sumar 81 metros cadrados e dous dormitorios. Mentres, a segunda vivenda repártese entre a 2ª planta e o baixo cuberta para dispoñer de tres dormitorios e 109 metros cadrados de superficie útil.

Outras rúas

No número 13 da rúa San Francisco tamén se vai rehabilitar integramente o edificio para crear dúas VPP e dous rochos. O importe de licitación do proxecto é de algo máis de 550.000 euros e dividirase en planta baixa, tres andares máis e baixo cuberta. A planta baixa acollerá o portal, os rochos e os cuartos de instalacións e servizos complementarios; os andares 1 e 2 destínanse a unha vivenda dúplex de tres dormitorios e máis de 89 metros cadrados. Mentres, no terceiro andar e unha parte do baixo cuberta estará a outra vivenda tipo dúplex de 72 metros cadrados. No espazo restante do baixo cuberta crearase un local para uso de almacén con acceso desde as escaleiras comúns.

A quinta rehabilitación será no número 17 da rúa Benito Vicetto para dispoñer de dúas vivendas e dous rochos tras un investimento de máis de 500.000 euros. A planta baixa contará co portal e parte dunha vivenda tipo dúplex que continúa no primeiro andar, consta de dous dormitorios e unha superficie útil de 82 metros cadrados. No segundo andar e no baixo cuberta -que tamén acollerá os rochos e servizos do edificio- situarase a outra vivenda, cun dormitorio e 51 metros cadrados.

A sexta actuación no barrio de Ferrol Vello consiste nun edificio de nova construción no número 22-24 da rúa Castro que contará con dúas vivendas de promoción pública adaptadas para o seu uso por persoas con mobilidade reducida, dous rochos e un local. Este inmoble terá planta baixa e outros dous andares: na planta baixa estarán o portal, os rochos, os cuartos de instalacións e servizos e un local, mentres que nos andares 1 e 2 haberá cadansúa vivenda con dous dormitorios e 66 metros cadrados de superficie.

As dúas vivendas cumprirán as condicións de vivenda accesible para usuarios en cadeira de rodas establecidas no Código Técnico da Edificación tras un investimento para a construción do inmoble de preto de 600.000 euros.

Data de actualización: 27/12/2023