O conselleiro volveuse a reunir cos máximos representantes dos pósitos

A Xunta mantén o diálogo coas confrarías para que deste traballo conxunto se logre o maior apoio posible para a produción marisqueira de Galicia

O titular de Mar detallou aos presidentes das federacións de confrarías que a Delegación do Goberno xa trasladou a petición de zona catastrófica á Dirección xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio del Interior e á Secretaría Xeral de Coordinación Territorial do Ministerio de Política Territorial

Alfonso Villares apuntou que a figura da emerxencia xa se usou este ano en varias comunidades por situacións excepcionais que afectaron a distintas producións e lamentou que o Estado non contactase coa Consellería para tratar a situación

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reuniuse hoxe cos máximos responsables das confrarías co fin de continuar co proceso de diálogo e intercambio de información co fin de, man a man cos representantes do sector, garantir o maior dos apoios posibles para os afectados pola altísima mortaldade no marisco nos últimos meses do ano, tanto cos recursos propios da Xunta como os que se reclama que mobilicen o resto das administracións, en especial a central. Tras realizar unha análise da situación actual do sector, o conselleiro do Mar sinalou aos representantes das confrarías que a Xunta ultima vías de apoio para os afectados e pretende articular un plan de acción que contribúa a recuperar a produtividade.

O titular de Mar trasladou ás confrarías que xusto antes da fin de semana que precedeu ao Nadal chegaba a comunicación de acuse de recibo da Delegación do Goberno en Galicia da petición por parte da Xunta da declaración dos concellos costeiros das provincias de A Coruña e Pontevedra como zonas afectadas gravemente por unha situación de emerxencia derivada das incesantes precipitacións que tiveron lugar desde mediados de outubro ata mediados de novembro. A reclamación foi trasladada xa á Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior e á Secretaría Xeral de Coordinación Territorial do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática.

No seu encontro co presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, e os titulares dos colectivos provinciais da Coruña, Daniel Formoso, de Pontevedra, José Manuel Rosas, e de Lugo, Basilio Otero, Alfonso Villares trasladou a súa sorpresa pola ausencia de calquera tipo de contacto desde o Executivo central coa Xunta para tratar a situación do marisqueo galego trala altísima mortaldade nos moluscos bivalvos.

O conselleiro do Mar destacou que, ao igual que se fixo ante outras situacións de emerxencia ou catástrofe, o Goberno central podería ter actuado de forma proactiva e posto en marcha a declaración das zonas afectadas, tal e como establece a lexislación vixente, pero neste caso non foi así. O responsable galego resaltou que son figuras que xa foron utilizadas en favor doutras comunidades autónomas ante fenómenos análogos, polo que agarda que o Executivo estatal amose a mesma sensibilidade con Galicia.

Citáronse casos concretos, como a declaración de zona catastrófica a inicios de setembro en sete comunidades por incendios rexistrados en Andalucía, Canarias, Castela e León, Navarra, Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana e Estremadura. A finais do mesmo mes tamén se declararon como zonas afectadas gravemente por emerxencias de protección civil en 28 comarcas neste caso en nove comunidades pola DANA, a depresión illada en niveles altos que deixou choivas torrenciais.     

A Xunta decidiu actuar desde o minuto un e preparar a resposta ante o forte impacto deste fenómeno excepcional sobre o medio de vida das cinco mil mariscadoras e mariscadores que se viron afectados, así como de todas as actividades vinculadas a esta produción acuícola. Por ese motivo se acudiu á petición agora en trámite de zona gravemente afectada por unha emerxencia, para lograr as máximas axudas posibles co fin de compensar de forma completa e inmediata ao sector afectado polas perdas ocasionadas pola mortalidade severa nas poboacións de bivalvos de interese comercial.

A reclamación galega susténtase en feitos constatados nos informes de Meteogalicia, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) ou do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA). Meteogalicia certificou unhas precipitacións excepcionais na vertente atlántica entre o 15 de outubro e o 16 de novembro, nas que se recolleron máis de 1.000 litros por m2, un 127 % superior ao valor climático normal. Intecmar certificou que este fenómeno meteorolóxico adverso produciu un incremento na auga doce descargada polos principais ríos que desembocan nas rías  cun forte impacto na salinidade das augas, rebaixando a salinidade por debaixo do limiar de supervivencia dos moluscos, con mortaldades que chegaron a superar o 80% en algunhas zonas e especies, tal e como confirmou o CIMA.

Este impacto deixouse notar a pé de lonxa, como proban os descensos da produción de máis do 80 % e na facturación do 57 % respecto ao rexistrado o ano pasado no período do 24 de outubro ao 24 de novembro.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 26/12/2023