A Xunta adxudica por 33 millóns de euros as obras da Torre Polivalente do Novo Hospital Público da Coruña

A súa construción ten un prazo de execución de 18 meses e será a primeira obra do Novo CHUAC

A Torre Polivalente funcionará como centro de administración de todo o complexo e como nexo entre as novas edificacións e o hospital actual, que se conectarán través dunha pasarela elevada

Os niveis 0 a 2 serán para instalacións; o 3 será para informática; os 4 a 6 para accesos; os 7 a 12 para as instalacións de xestión e laboratorio; os 13 e 14 destinaranse a Hotel de Doente, con 14 habitacións; e o 15 para instalacións de clima

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2023

A Xunta vén de adxudicar por 33.072.906 euros as obras de execución da Torre Polivalente do Novo Hospital Público da Coruña.

 

Esta intervención, adxudicada á UTE FCC Construcción, S.A. - Construcciones y Obras Taboada Ramos, S.L.U., conta cun prazo de execución de 18 meses.

 

A Torre Polivalente, que será a primeira construción do Novo CHUAC, será o punto desde o que se administrará todo o complexo e tamén o nexo entre as novas edificacións e o hospital actual, a través dunha pasarela elevada que o conectará co bloque oeste existente.

 

En concreto, o edificio situarase na parcela sen edificar ao carón do actual complexo, ocupando uns 4.500 m² en planta rectangular e albergando 12.300 m² de superficie construída, un total de 8.260 m² de superficie útil distribuída en 16 andares, 3 deles baixo rasante.

 

Máis ao detalle, os niveis 0 a 2 serán para instalacións; o 3 será para informática; os niveis 4 a 6 para accesos; os 7 a 12 centralizarán as instalacións de xestión, administración e laboratorio; os niveis 13 e 14 destinaranse a Hotel de Doente, con 14 habitacións; e o 15 ás instalacións de clima.

 

A Torre disporá de dous accesos para garantir unha mellor funcionalidade: unha entrada para os usuarios do Hotel de Doentes e persoal administrativo, cunha zona cuberta que conformará un gran soportal de acceso; e outra entrada para persoal sanitario, en cuxo exterior se disporá unha praza de uso público e zonas verdes.

 

Este edificio executarase cun sistema construtivo que se poida adaptar ás novas necesidades; seguindo criterios de eficiencia enerxética, desde o punto de vista térmico, de iluminación e da xestión da auga, primando o baixo consumo con dispositivos de aforro; e empregando materiais de proximidade e reciclables.

Data de actualización: 26/12/2023