O conselleiro participou na presentación do informe ‘Análise dos cambios na dieta trala pandemia con especial atención ao consumo de produtos pesqueiros’

Xunta e expertos das universidades da Coruña e Santiago instan a aproveitar o crecemento previsto da demanda de produtos do mar nos próximos anos

Alfonso Villares pon en valor a estratexia de promoción dos alimentos mariños realizada pola Xunta de Galicia e insiste en trasladar ao Estado que a rebaixarlle o IVE só ten vantaxes, tanto a nivel de saúde como en impulso do sector produtor

Os economistas Fernando González Laxe, Gonzalo Rodríguez, María do Carme García Negro e Sergio Acevedo poñen o foco en novas canles de distribución destes alimentos e no auxe das grandes cadeas de supermercados fronte as pescaderías tradicionais

Cálculos propios con base nas Táboas Input-Output da Pesca e a Conserva 2019 afloran novas canles de distribución non clásicas e colectivos elevarían en 200.000 toneladas os produtos do mar consumidos fronte ao Panel de Alimentos estatal

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu hoxe a necesidade de potenciar as medidas dirixidas ao impulso do consumo de peixes, mariscos e conservas en consonancia coas políticas europeas en favor dun sistema alimenticio sostible e xusto. O obxectivo é propiciar avances na capacidade produtiva da pesca e a acuicultura que reforcen a soberanía alimentaria e permitan afrontar o aumento da demanda previsto para os próximos anos. Unha tese que coincide coas que se recollen do informe Análise dos cambios na dieta trala pandemia con especial atención ao consumo de produtos pesqueiros elaborado por expertos das Universidades da Coruña e de Santiago presentado onte na Praza de Abastos compostelá.

Así se puxo de manifesto na presentación deste estudo na Aula Gastronómica do mercado santiagués, onde catedrático de Economía Aplicada Fernando González Laxe (Universidade da Coruña) debullou a evolución no consumo dos produtos do mar e as tendencias para o futuro. Coa FAO-OCDE coma fonte e a pesar da inestabilidade xeopolítica actual e dunhas condicións climáticas adversas, anticípase unha rápida recuperación das actuais tensións inflacionistas, unhas consideracións ambientais normalizadas e unha evolución das preferencias dos consumidores que permitirán elevar a produción mundial procedente da pesca e da acuicultura a taxas medias anuais do 1,1% durante o período 2023-2032.    

Tamén se augura que proseguirá a transición en favor de sistemas alimentarios sostibles, xeradores de beneficios e de emprego, e a evolución a un sistema de comercio de alimentos cada vez máis global. Tamén se acentuará o protagonismo dos novos medios de distribución: comidas a domicilio adquiridas a través de aplicacións móbiles, distribución de alimentos elaborados en cociñas industriais -quinta gama- ou comidas feitas e compradas en novos distribuidores, coma as gasolineiras ou tendas 24 horas.

Alfonso Villares apuntou que neste contexto gaña enteiros a aposta de Galicia en favor de promover a soberanía alimentaria “pescando máis e mellor” e favorecendo a apuntalando a produción de cultivos mariños. Tamén defendeu o éxito da estratexia de promoción do consumo de peixe da Xunta de Galicia, tanto interna, con campañas como GALICIA SABE A MAR, que xa chegou nesta edición a preto de medio millón de persoas e superou os 400 municipios visitados de España en Galicia, como a exterior, con presenza nas principais feiras e salóns gastronómicos e alimentarios do mundo. Un apoio a presenza de pemes no sector que contribuíu a acadar en 2022 un récord exportador de produtos do mar por riba dos 2.700 millóns de euros.

Pero estes esforzos da Xunta deben ser complementados co apoio desde o Goberno central, a quen volveu a elevar a reiterada demanda de que reduza dunha vez por todas o IVE aos alimentos do mar, tanto por saúde como polos beneficios que tería no conxunto da economía: so en Galicia, e utilizando o aval do informe presentado o mes pasado polos mesmos expertos das Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, unha rebaixa deste imposto do 10 ao 5% impulsaría o consumo, contribuiría a crear máis de 5.500 empregos e xeraría unha riqueza (valor engadido bruto) de 30 millóns de euros.

Cambios na distribución

Outros cambios que aprecian son o aumento do peso na comercialización dos produtos do mar das grandes cadeas de supermercados e hipermercados, tanto en peixe fresco, como conxelado e cada vez máis pratos preparados, dada a súa capilaridade por toda España e Galicia, en detrimento das pescaderías especializadas, negocios que perden peso relativo en función da caída do consumo tradicional de peixe.

Porque outra tendencia detectada polos expertos académicos é que os consumidores aspiran á maior facilidade de acceso e de preparación culinaria, o que levou a que gañasen peso na cesta da compra especies como o salmón, que cumpre o requisito de alimento de fácil de compra, dispoñible de forma intemporal, que é idéntico sempre en forma e sabor e que ten poucas espiñas ou moi identificábeis. A promoción e prescrición desde Noruega foi determinante, e aquí, desde Galicia, consideran que especies como o mexillón ten todas as características para converterse en caso de éxito.    

No informe, que ademais de González Laxe firman Gonzalo Rodríguez, María do Carme García Negro e Sergio Acevedo, membros do Grupo de Investigación de Economía Pesqueira e Recursos Naturais da USC, sinálase que produción de peixe mundial está accesible para todos, en todo momento, mentres que a produción local, interior, estatal e europea é, no momento presente, só unha parte da pesca distribuída e dispoñible no mercado español. De feito, en Galicia detectaron correntes importadoras con produtos da pesca que chegan desde máis de 120 países.

A metodoloxía propia utilizada para elaborar as Táboas Input-Output 2019 para establecer a demanda final de produtos do mar permitiron descubrir outras canles de distribución non clásicas e outros lugares de consumo colectivo que elevarían en 200.000 toneladas o consumo que se recolle no Panel de Alimentos estatal. En total, o informe dos expertos académicos galegos eleva a cantidade total a 1,5 millóns de toneladas/ano.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 22/12/2023