A Xunta ve na sentenza do Supremo un aval á tramitación ambiental e ás autorizacións outorgadas pola administración galega aos proxectos eólicos

O Tribunal Supremo vén de revocar a anulación do parque eólico Corme G-3 estimando o recurso da Xunta de Galicia e EDP Renovables
 

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, explica que é un día importante para a industria, a enerxía e o emprego e confirma que é posible o desenvolvemento de enerxías renovables e eólica compatibles co medio ambiente
 

Esta sentenza poderá repercutir noutras sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que provocaron a suspensión ou anulación doutros proxectos eólicos

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia acolle con satisfacción a sentenza do Tribunal Supremo que revoca a anulación da autorización do parque eólico Corme G-3 -acordada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)- estimando, deste xeito, o recurso da Xunta de Galicia e de EDP Renovables. O Goberno galego ve nesta sentenza un aval á tramitación ambiental realizada pola administración galega: “Hoxe é un día importante para a industria e a enerxía en Galicia porque aquí se está ratificando a legalidade da resolución das autorizacións outorgadas pola Xunta”, explicou esta mañá María Jesús Lorenzana en declaracións aos medios de comunicación.

Supón, ademais, un cambio de paradigma, xa que poderá repercutir noutras sentenzas do TSXG que provocaron a suspensión ou anulación doutros proxectos eólicos. Así mesmo, cómpre indicar que un fallo en sentido contrario tería afectado tamén a calquera outro proxecto, de calquera outra administración, que tivese que someterse a avaliación ambiental, polo que esta sentenza outorga seguridade xurídica a todas as administracións. Neste sentido, Lorenzana subliñou a importancia da sentenza para “o desenvolvemento industrial e o emprego na Comunidade Autónoma pois confirma que é posible o desenvolvemento de enerxías renovables e eólica compatibles co medio ambiente”. A conselleira quixo felicitar a todos os técnicos da Xunta polo seu traballo na tramitación dos proxectos, así como á Asesoría Xurídica polo seu esforzo nos recursos presentados

Corme G-3 é un proxecto de repotenciación dun parque eólico existente e que en 2019 recibiu a autorización previa e de construción da Xunta para acometer dita repotenciación. No ano 2022 o TSXG anulou esta resolución baseándose en dúas causas relacionadas co trámite de información pública no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinario realizado antes de ditar a autorización. Por unha parte, pola redución á metade dos prazos (de 30 a 15 días) e, por outra, porque consideraba que os informes sectoriais debían recabarse antes do sometemento do proxecto e do estudo ambiental ao trámite de información pública.

Porén, o Tribunal Supremo conclúe que o parque estaba declarado de interese especial conforme á lexislación autonómica, o que implica a súa tramitación prioritaria coa correspondente redución de prazos á metade. Ademais, o Supremo considera que a lexislación non impón como requisito formal de obrigado cumprimento que antes da información pública deba realizarse o trámite de consultas. Así, o proxecto foi obxecto dunha tramitación conxunta da avaliación de impacto ambiental ordinaria e a autorización do proxecto de execución na que se realizou de xeito paralelo a solicitude de informes sectoriais e o trámite de información pública.

Esta sentenza vén avalar o traballo que se está realizando desde a Xunta de Galicia, que defende un modelo de desenvolvemento eólico ordenado e garantista, que compatibiliza o desenvolvemento industrial co respecto ao entorno. Deste xeito, a Administración autonómica segue de xeito estrito e rigoroso o procedemento legal e só autoriza os parques que cumpren con todos os requisitos que marca a lexislación e que son ambientalmente viables. Así, en Galicia todos os proxectos se someten a avaliación ambiental ordinaria, a máis completa e garantista de todas, e froito desta avaliación, 63 parques eólicos obtiveron unha declaración de impacto ambiental negativa, polo que non poderán ser autorizados.

Deste xeito outórgase seguridade xurídica tanto ao sector como ás industrias que precisan destes parques para a viabilidade dos seus proxectos. Un desenvolvemento sustentable do sector eólico que permitirá obter enerxía verde a prezos máis competitivos tanto para o tecido empresarial como para a cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2023