A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde organiza un encontro cos responsables da innovación sanitaria de Andalucía e Aragón no marco do proxecto PROCURE4HEALTH

Durante os encontros, representantes do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), compartiron cos socios nacionais as experiencias no referido á compra pública innovadora no ámbito de saúde

A sede de ACIS e o Hospital Arquitecto Marcide acolleron unhas xuntanzas na que se analizaron programas de innovación como CÓDIGO100, INNOVATRIAL ou PRECISAÚDE
 

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2023

Responsables da Axencia Galega de Coñecemento de Saúde (ACIS) e do Servizo Galego de Saúde, mantiveron esta semana senllas xuntanzas con membros do Servicio Andaluz de Salud (SAS), o Instituto Aragonés de Ciencias de la Salud (IACS) e a Fundación Progreso y Salud (FPS), co obxectivo de compartir as súas experiencias no referido á compra pública innovadora no ámbito de saúde.

No marco do proxecto europeo de innovación sanitaria PROCURE4HEALTH, Santiago de Compostela e Ferrol, acolleron unhas reunións nas que representantes dos tres sistemas sanitarios autonómicos (Galicia, Andalucía e Aragón), puxeron en común os seus avances en diferentes proxectos.

Deste xeito, a sede da ACIS acolleu a primeira das dúas reunións previstas en Galicia, un encontro que foi presentado polo director da área de innovación sanitaria da ACIS, José María Romero. Así, entre os asuntos abordados, destacou a análise dos resultados obtidos nas consultas preliminares ao mercado de diferentes proxectos.

En concreto, o CÓDIGO 100 (centrado na resposta temperá ao cambio demográfico e o impulso dun novo sistema sanitario preparado para liderar un envellecemento activo e saudable); INNOVATRIAL (que procura atopar solucións innovadoras no eido da xestión de estudos de investigación biomédica e ciencias da saúde); INNOVA MICROLAB (sobre desenvolvemento de dúas plataformas tecnolóxicas automatizadas para un diagnóstico microbiolóxico ultrarrápido de patoloxías infecciosas e estudo da evolución do microbioma en pacientes con enfermidades metabólicas); e PRECISAÚDE (na que se procura o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas na aplicación de técnicas de diagnóstico e tratamento específicas para cada paciente en función das súas características individuais).

Na segunda das xuntanzas, celebrada no Hospital Arquitecto Marcide e presentada polo subdirector de Sistemas de Información da área Sanitaria de Ferrol, Javier Quiles del Río, abordáronse tres proxectos de innovación para a xestión de datos e a investigación clínica. Nomeadamente: o INNOVATRIAL, o TARTAGLIA e o HEXIN.

O proxecto INNOVATRIAL ten como obxectivo desenvolver unha plataforma de integración da investigación clínica coa actividade asistencial en Galicia.

Pola súa banda, o programa TARTAGLIA procura a creación dunha rede federada que, mediante o uso de intelixencia artificial, que mellore a investigación clínica en España, e que contribúa a acadar uns diagnósticos máis precoces do cancro de próstata. Neste ámbito, o conxunto de participantes realizaron unha visita ao Laboratorio de Patoloxía, localizado no Hospital Naval de Ferrol.

Finalmente, HEXIN é unha plataforma que permite a explotación de información clínica dispoñible nos sistemas existentes co propósito de facilitar a toma de decisións clínicas, proporcionando información para a identificación e clasificación de casos de epidemioloxía, e así achegar información de xestión.

IANUS5, NAZZAR e URXENCIAS SIGUR

Dada á experiencia do Servizo Galego de Saúde cos proxectos de innovación, presentáronse ademais tres proxectos que chegaron ao nivel de desenvolvemento tecnolóxico TRL9 no sistema de saúde galego:

    Sistema de información de URXENCIAS SIGUR (sistema de xestión para os servizos de urxencias hospitalarios, 061 e centros PAC con funcionalidades de xestión clínica, análise de actividade e información ao paciente).

    Sistema Departamental de Oftalmoloxía NAZZAR (sistema de información para a xestión da Unidade de Terapia Intravítrea coa que conta a área Sanitaria de Ferrol. É un software de xestión de datos que permite analizar a actividade da Unidade).

    Sistema de Historia Clínica integrada IANUS5 (historia clínica electrónica única transversal, intelixente e colaborativa, potenciando a posibilidade de contactar cos pacientes e achegar o traballo dos profesionais á sociedade).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/12/2023