A Xunta destina 1,3 M€ en axudas para financiar os servizos municipais dos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

Estas achegas da Consellería de Política Social e Xuventude están dirixidas á contratación de persoal, ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e ao desenvolvemento de programas de inclusión

Ferrol, 24 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia destina este ano aos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal axudas por valor de 1,3 M€ para financiar os seus servizos municipais. Estas achegas da Consellería de Política Social e Xuventude están destinadas a financiar a contratación de persoal, ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e á posta en marcha de programas de inclusión.

A partida máis importante deste Plan Concertado, concretamente un millón de euros para os municipios de Ferrolterra, irá destinada á contratación de persoal. Desta forma o Goberno galego cofinancia a contratación de 61 profesionais entre traballadores e educadores sociais, auxiliares administrativos e outras categorías que forman parte dos servizos sociais comunitarios.

A través deste Plan Concertado a Xunta tamén apoia ás corporacións municipais no desenvolvemento de programas de inclusión e o mantemento de centros de emerxencia social, así como para a posta en marcha de programas de inclusión. A este concepto destínase este ano aos concellos das tres comarcas preto de 260.000 euros.

Ademais a través deste plan, a Xunta renova o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico, ao que dirixe máis de 52.700 euros na área territorial de Ferrol para aquelas persoas que requiren especial atención.

No cómputo total da Comunidade autónoma, o Goberno galego destinou este ano 16,9 M€ en achegas para financiar estes servizos municipais.

Data de actualización: 24/12/2023