Román Rodríguez anuncia que a Xunta investirá 200.000€ na mellora da Igrexa de San Pedro de Dozón, logo de concluír a rehabilitación exterior do mosteiro

O conselleiro de Cultura e Educación avanza esta intervención durante a visita ao Colexio Pío Cabanillas, onde vén de rematar a substitución das fiestras

Dozón (Pontevedra), 22 de maio de 2023

A Xunta de Galicia vai acometer a mellora do interior da Igrexa do Mosteiro de San Pedro de Vilanova, en Dozón, unha actuación que acadará os 200.000 euros de investimento. A intervención vaise licitar antes de que remate o ano por un importe de case 166.000 euros, aos que se engaden outros 34.000€ da redacción do proxecto. A obra completará así a rehabilitación exterior do cenobio que se acaba de acometer.

Así o anunciou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante unha visita ao Colexio CEIP Pío Cabanillas Gallas, para comprobar o remate das obras de substitución de fiestras neste centro.

Segundo explicou, “desde o Goberno galego seguimos traballando a prol do noso rural, con actuacións para o futuro como é o caso das melloras nos centros educativos, pero sen esquecer o legado do noso pasado como son as actuacións en bens patrimoniais que temos a obriga de preservar e transmitir ás xeracións futuras”. Neste senso, subliñou que Dozón “é un exemplo desta dobre vertente” como proban os investimentos tanto en materia de educación como de cultura.

Limpeza, instalación eléctrica e iluminación

Así pois, no que atinxe á Igrexa do Mosteiro de San Pedro de Vilanova, a actuación que está a piques de licitarse abrangue a limpeza dos paramentos interiores e o saneamento tanto da estrutura de madeira da cuberta como do seu entaboado interior.

Tamén está prevista a renovación da instalación eléctrica  e a mellora da iluminación do interior da igrexa para poder desenvolver as actividades relixiosas, así como as relacionadas coas visitas culturais e a contemplación dos elementos artísticos e decorativos máis relevantes. Segundo explicou o conselleiro, procederase a trasladar ao interior da igrexa o arco pétreo adosado no exterior da ábsida da fachada norte.

Polo tanto o investimento da Xunta neste mosteiro elévase a uns 466.000 euros logo da rehabilitación integral do exterior por un importe de 300.000 euros o pasado ano. Cómpre lembrar que esta actuación supuxo melloras na cuberta, fachadas e carpintería exterior, así como na conservación do retablo maior deste templo románico que “é unha das xoias do noso rico patrimonio rural”, subliñou Román Rodríguez.

Renovación de 111 ventás no Pío Cabanillas

Por outra parte, Román Rodríguez puxo en valor as melloras educativas levadas a cabo no Colexio Pío Cabanillas Gallas, onde puido comprobar o remate das obras de renovación das fiestras do centro.

“Substituíronse 111 ventás por outras novas con mellores prestacións tanto técnicas como acústicas, o que redunda nun mellor confort para os rapaces e os profesores”, sinalou o conselleiro, quen celebrou o remate desta obra “logo de algúns retrasos sobre o calendario previsto derivados do contexto global de falta de subministros”.

Esta actuación engádese a outra importante mellora realizada en 2022 na que se renovou a cuberta, a instalación eléctrica e a fontanaría do colexio. Así pois, o investimento total da Consellería neste centro ascende a máis de 365.000 euros.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2023