Román Rodríguez gaba a figura de Antonio Piñeiro Feijóo, Premio de Xornalismo Carlos Casares 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades destaca a traxectoria deste profesional ao servizo da cultura e da información de ámbito local

Xinzo de Limia (Ourense), 22 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, gaba a traxectoria profesional de Antonio Piñeiro Feijóo, que vén de alzarse co Premio de Xornalismo Carlos Casares 2023, outorgado pola Fundación do autor da Limia.

No acto de entrega do galardón, que tivo lugar esta tarde e no que participou tamén o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o titular de Cultura do Goberno galego destacou que Antonio Piñeiro “é un exemplo de creador que combina rigor e creatividade”, tal e como queda reflectido no seu traballo desde o xornal La Región e publicacións como Auria ou Raigame, que amosan “o seu compromiso co tecido cultural máis inmediato”.

Na súa intervención, Román Rodríguez tamén aproveitou para reivindicar o traballo das cabeceiras informativas locais “cuxo esforzo é crucial para garantir que a sociedade estea perfectamente informada do que ocorre ao seu redor”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2023