A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá as instalacións do centro educativo
Martina Aneiros anuncia un investimento de 3 M€ para a ampliación do CPI As Mirandas, en Ares
O proxecto permitirá ampliar seis unidades en Educación Infantil e espazos complementarios ata unha superficie construída de máis de 850 metros cadrados ademais de mellorar a envolvente térmica cun sistema de illamento térmico exterior e a instalación de novas ventás
Xunto a esta actuación, Aneiros informou da recente licitación da instalación dun novo ascensor e construción dunha rampla no CEIP Centieiras, en Fene, por valor de algo máis de 140.000 euros
Ares (A Coruña), 22 de decembro de 2023
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, anunciou esta mañá a inminente licitación por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades das obras de ampliación do CPI As Mirandas, de Ares por un importe de 3.096.282,96 euros.
O proxecto permitirá ampliar seis unidades en Educación Infantil e dotar o centro de novos espazos complementarios ata acadar unha superficie construída de máis de 850 metros cadrados. Ademais, coa fin de incrementar o confort e a eficiencia enerxética das instalacións, procederase á mellora da envolvente térmica do edificio actual coa instalación dun sistema de illamento térmico exterior (SATE) e novas ventás.
As obras, que contan cun prazo de execución de 12 meses, incluirán tamén a reorganización dos espazos da planta baixa do edificio de Educación Primaria.
Xunto a esta obra, a delegada territorial anunciou a licitación da instalación dun ascensor de tres paradas e a construción dunha rampla para mellorar a accesibilidade na entrada principal do CEIP Centieiras, de Fene. A intervención, que neste caso saíu a licitación por un importe de algo máis de 140.000 euros, contempla ademais a reforma e adaptación dun aseo. O prazo de execución destas obras é de 3 meses.
Martina Aneiros enmarcou estas obras no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para a modernizacións das instalacións educativas, facendo fincapé en cuestións como a mellora da eficiencia enerxética ou accesibilidade, entre outros aspectos. Actualmente, a través deste plan, o Goberno galego ten en marcha nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, en distintas fases, proxectos por valor de máis de 5,4 M€.
Ademais lembrou o compromiso da Xunta co sector educativo e o esforzo constante “para que tanto alumnos como profesores desenvolvan a súa aprendizaxe e traballo nas mellores condicións posibles”.