A Xunta fixa a nova tempada de pesca da anguía na desembocadura do río Tambre entre o 1 de maio e o 30 de setembro de 2024

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe a resolución renovando o plan de aproveitamento específico da especie

O tamaño mínimo das anguías terá que ser de 20 centímetros, a única arte de pesca permitida será a nasa-voitirón e a cota de capturas fixarase nun máximo de 1.000 kg

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

A tempada da pesca da anguía na desembocadura do río Tambre estenderase desde o 1 de maio ata o 30 de setembro deste ano. Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e pola que se aproba a renovación do plan de aproveitamento específico da especie para 2024, mantendo os principais requisitos que rexeron nesta zona durante a tempada anterior.

Así, o tamaño mínimo das capturas será de 20 centímetros, coa obriga por parte dos pescadores de devolver ao río os exemplares que non dean a talla, así como outras especies que poidan entrar nas nasas.

Ademais, só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada anguía amarela, mentres que aquelas con signos externos propios da fase anguía prateada deberán ser devoltas de inmediato. O total de capturas para a tempada será de 1.000 kg, e unha vez alcanzada esta cantidade darase por pechada a campaña.

Ademais, para poder practicar a pesca da anguía na desembocadura do Tambre a única arte permitida será a nasa-voitirón (tradicional), cun tamaño de malla non inferior a 14 milímetros e un límite de 10 artes por tripulante e xornada de pesca. As nasas deberán ser levantadas e revisadas diariamente e o horario autorizado para a actividade estenderase desde as 12,00 horas do luns ata as 12,00 horas do sábado, cun máximo de 8 horas diarias de traballo.

A pesca da anguía é unha actividade profesional tradicional que se desenvolve nalgunhas zonas de desembocadura dos ríos galegos. No caso concreto do Tambre, o plan de aproveitamento da especie para 2024 autoriza a faenar no tramo comprendido entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e Ponte Nafonso, exceptuando a zona de desembocadura do río Tines.

A partir do día 1 de maio, autorízase a faenar á Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, que conta con dúas embarcacións autorizadas para exercer a actividade: Benigna, cun máximo de dous tripulantes, e Baña, que poderá levar ata tres.

A comercialización das capturas levarase a cabo na lonxa de Noia, estando obrigados os participantes no plan a entregar a totalidade dos exemplares capturados.

Cómpre lembrar que o plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre se aprobou por primeira vez en 2013 e foise renovando ano a ano ao non ser necesario acometerse modificacións con respecto ao incremento do esforzo de pesca ou a modificación de zonas dentro da bacía fluvial.

Data de actualización: 22/12/2023