A Xunta adxudica por 770.000 euros as obras para mellorar a eficiencia enerxética do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia

A actuación, cun prazo de execución de 5 meses, enmárcase no Programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos e está cofinanciada con fondos propios e da UE

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2023

A Xunta adxudicou este mes, por 770.083,36 euros, as obras de mellora da envolvente térmica e de eficiencia enerxética do edificio do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, con sede na cidade da Coruña e cuxas principais funcións son a vixilancia e control das emisións á atmosfera en relación á calidade do aire e a análise do estado químico das augas naturais.

O obxectivo desta actuación, cun prazo de execución de 5 meses, é reducir o consumo de enerxía primaria non renovable das instalacións, deseñadas hai 30 anos, e incorporar á vez as novas tecnoloxías no desenvolvemento e aplicación do seu aforro enerxético.

A tal fin, as obras consistirán na optimización da calefacción, instalación de luminarias, substitución da carpintería exterior, renovación das ventás ou cambio das cubertas, entre outras medidas coas que se deberá lograr unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable de, como mínimo, un 30%.

Cómpre subliñar que esta actuación se executa no marco do Programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos (Pirep), cofinanciado con fondos europeos do NextGenerationUE e achegas propias da Xunta.

Así, a maiores da intervención prevista no laboratorio, o Pirep inclúe en Galicia actuacións sobre outros 25 edificios públicos, entre eles, 3 inmobles propiedade da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, organismo encargado de xestionar estas subvencións.

Concretamente, trátase do centro de interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, en Lobios; o Centro de recepción de visitantes do Parque Natural O Invernadeiro, en Vilariño de Conso; e o edificio administrativo da Vicepresidencia Segunda, situado no barrio compostelán de San Lázaro. En total, está previsto mobilizar nestas 26 actuacións uns 40 millóns de euros, 13 dos cales serán financiados pola Xunta.

Data de actualización: 23/12/2023