A Xunta destina 16,9 M€ en axudas aos concellos galegos para financiar os seus servizos municipais

Estes fondos irán destinados á contratación de persoal, ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e ao desenvolvemento de programas de inclusión

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia concedeu aos concellos galegos axudas por valor de 16,9 millóns de euros para financiar os seus servizos municipais. En concreto, estas achegas están destinadas a financiar a contratación de persoal, ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e á posta en marcha de programas de inclusión. 

A partida máis importante deste Plan Concertado irá destinada á contratación de persoal. En concreto, cofinanciase a contratación de 758 profesionais entre traballadores sociais, educadores sociais, auxiliares administrativos e outras categorías que forman parte dos servizos sociais comunitarios. Son 44 profesionais máis que no pasado exercicio.  

O Plan Concertado serve para a apoiar ás corporacións municipais no desenvolvemento de programas de inclusión e o mantemento de centros de emerxencia social, así como para a posta en marcha de programas de inclusión. Este ano, destínase a este cometido 2,5 millóns de euros.  

Por último, a través deste plan a Xunta renova o seu financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico, ao que destina 865.000 euros para aquelas persoas que requiren especial atención.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2023