Millares de xóvenes deportistas poderán beneficiarse do Bono Deporte no concello de Pontevedra

O delegado, acompañado polo xefe territorial de deportes, informaron desta medida nunha reunión cos clubs da cidade

O Bono Deporte conta cun orzamento de máis de 16 millóns de euros en toda Galicia e permitirá sufragar ata o 80% do gasto nas compras de equipamento deportivo ou clases

O prazo para que os negocios se adiran a esta iniciativa remata o día 2 de xaneiro

Pontevedra, 21 de decembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, reuniuse, xunto ao xefe territorial de deportes, Daniel Benavides, cos clubs da cidade de Pontevedra nun acto no que se lles trasladou as indicacións necesarias para que poidan acceder ao Bono Deporte de 120 euros que a Xunta disponibiizará a partir do día 8 de xaneiro.

Na reunión, que tivo lugar no salón de actos do edifico administrativo da Xunta en Pontevedra, lembrouse que poderán acceder ao bono todas as familias con fillos e fillas de entre 6 e 16 anos que estean federados ou inscritos no programa escolar de fomento das actividades deportivas Xogade. A Xunta apoiará con estes 120 euros a millares de deportistas do concello.

O delegado territorial aproveitou a ocasión para lembrar o gran compromiso da Xunta “co deporte en xeral e co deporte base en particular” e agradecer o esforzo de todas as familias que “se empeñan en que os seus fillos e fillas practiquen deporte con todo o que iso implica en desprazamentos, gastos e tempo”.

O Bono Deporte conta cun orzamento de máis de 16 millóns de euros que permitirá ás familias con fillos federados ou inscritos no programa Xogade sufragar o 80% do gasto nas compras de material de equipamento ou o custo da asistencia a clases de actividades deportivas, que se irá descontando ata esgotar os 120 euros do bono.

Cada familia poderá descargar un Bono Deporte por cada fillo a partir do 8 de xaneiro e ata o 29 de febreiro, salvo que se esgote antes o crédito do programa, a través da web bonodeporte.gal. Unha vez descargado poderá empregarse ata o 1 de xullo.

O delegado territorial animou aos negocios da cidade e da provincia a adherirse a esta iniciativa e lembrou que teñen de prazo ata o 2 de xaneiro.

Data de actualización: 21/12/2023