A Xunta destaca a importancia dos premios Cofer na posta en valor do potencial empresarial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

A directora do Igape, Covandoga Toca, asistiu á entrega do galardón concedido, a título póstumo, ao consignatario Gonzalo Antón Miranda

Avoga por potenciar a colaboración público-privada, especialmente a través das asociacións como representantes das empresas, na procura de aproveitar as oportunidades do mercado, mellorar a competitividade do tecido produtivo e facilitar o seu liderado

Ferrol, 21 de decembro de 2023

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, asistiu esta tarde á entrega do galardón empresarial da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer) outorgado, a título póstumo, ao empresario ferrolán Gonzalo Antón Miranda.

O galardoado foi consignatario de buques na empresa familiar Antón Martín Shipping durante case seis décadas e compaxinou este traballo cunha dilatada carreira diplomática de case 40 anos como cónsul dos Países Baixos en Galicia, e de Francia e como vicecónsul de Dinamarca en Ferrol. Na súa intervención Covadonga Toca destacou a importancia dos premios de Cofer na posta en valor do potencial empresarial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, e nomeadamente, de figuras como a de homenaxeado este ano, pola súa contribución a este obxectivo.

A directora do Igape lembrou durante a entrega de premios, os retos que afronta o tecido empresarial e industrial de Ferrolterra actualmente e a necesidade de encaralos desde a unidade social, empresarial e institucional. Neste sentido, avogou por potenciar a colaboración público privada, especialmente a través das asociacións como Cofer, representantes das empresas, na procura de aproveitar as oportunidades que poidan xurdir no mercado, mellorar a competitividade do tecido produtivo e facilitar o seu liderado.

Data de actualización: 21/12/2023