A Xunta remarca que o goberno central continúa sen abordar o déficit de médicos de familia

Así o subliña o titular da carteira sanitaria, Julio García Comesaña, logo da reunión no día de hoxe do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde

Madrid, 22 de decembro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou hoxe, unha vez rematada a reunión rutinaria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, máximo órgano de goberno do sistema sanitario español, que o Executivo central ignorou abordar novamente, nesta xuntanza, o problema máis importante que ten agora mesmo a sanidade, que é o déficit de médicos de familia dispoñibles para que as comunidades autónomas poidan contratalos na atención primaria.

Sobre o único punto que podería axudar nesta problemática, que é o decreto regulador da nova especialidade de urxencias, non hai garantías de que non vaia implicar a diminución de prazas de medicina de familia e segue o horizonte temporal indeterminado que levaría a que a primeira promoción destes novos especialistas comezase aínda no ano 2025.

Cómpre remarcar que das sete reunións que tivo este Consello Interterritorial neste ano, en só unha delas o Ministerio introduciu na orde do día algún punto relacionado con este asunto. No resto, foron os conselleiros autonómicos os que utilizaron a súa quenda para poñer este tema sobre a mesa, tentando que o Goberno de España asuma que existe un problema de ámbito nacional no que ten o deber de actuar.

O problema da falta de médicos diagnosticouse polo Consello Interterritorial hai seis anos, e nese período de tempo xa pasaron seis ministros de Sanidade e nada se avanzou a este respecto.

A competencia das comunidades é a de contratar pero para facelo teñen que ter especialistas dispoñibles, e isa competencia, a de coordinar o sistema nacional de formación sanitaria especializada, é das poucas que ten o Ministerio de Sanidade, que non a está a exercer e non tomou nin unha soa medida.

O Goberno galego aumentou as prazas MIR sen ningún tipo de apoio do Ministerio, que non fixo a reforma para facilitar e flexibilizar a acreditación de máis centros docentes, que todas as comunidades autónomas consideraban urxente e prioritaria no ano 2018.

Sanidade remarca que nas primeiras decisións da nova ministra de Sanidade, así como na orde do día deste Consello Interterritorial, semella que o Executivo central non ten vontade de aportar solucións ao maior problema da sanidade pública española que é a falta de médicos de familia.

Data de actualización: 21/12/2023