O delegado territorial visita o Galicia Palace e destaca os máis de 1.5 M€ investidos na provincia grazas ao Bono Enerxía Peme

O hotel utilizou a axuda para substituír 190 luminarias dos seus salóns o que lles permitirá aforrar un 43%
 

O delegado aproveitou para lembrar que o prazo para solicitar o novo Bono Enerxía PEME arranca o día 10 de xaneiro e espérase que beneficie a 700 empresas galegas

Pontevedra, 21 de decembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o o Hotel Galicia Palace de Pontevedra, un dos establecementos que resultou beneficiario este ano do programa Bono Enerxía Peme da Xunta de Galicia.

Grazas a esta axuda de 6.000 euros o hotel puido renovar a iluminación dos seus salóns que contaban con tecnoloxía fluorescente que supoñía un importante gasto enerxético. Así, o edificio conta agora con 190 novas unidades de luminarias que consumen ata un 43% menos de enerxía. Isto permitirá aforrar ata un 5% anual no total do gasto enerxético do hotel.

 O delegado territorial destacou o importante impacto que están a ter estas axudas e que funcionan como “un pequeno empuxón para que todas as empresas que estaban a pensar en mellorar a súa eficiencia enerxética dean o paso”. Ademais o delegado explicou que na provincia de Pontevedra apoiáronse, en 2023, un total de 350 actuacións, cunhas axudas de máis de 1,5 M€ e que mobilizaron 2,4 M€.

Neste sentido, Reguera lembrou que a nova convocatoria do programa Bono Enerxía Peme abrirá o prazo de solicitudes o vindeiro 10 de xaneiro. A nova edición destinará 3 M€ para facilitar a mellora das instalacións enerxéticas de ao redor de 700 pemes e autónomos. O programa aspira a mobilizar 7 M€ de investimentos, así como unha redución do consumo duns 3.400 Mwh ao ano e a creación ou mantemento de 58 postos de traballo.

As axudas cubrirán a instalación de elementos de control solar e térmico; a renovación de equipos de iluminación interior e exterior -incluíndo rótulos e escaparates-, por outros que utilicen tecnoloxía LED; a mellora de eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade; a renovación de equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras; equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria; e sistemas domóticos e inmóticos para xestionar a enerxía e o gasto de forma eficiente. Ademais, mantense a axuda para asesoramento enerxético, consistente na realización de diagnoses e auditorías enerxéticas. A intensidade de axuda será do 80 % ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo.

Esta é a cuarta convocatoria deste programa que, ata o momento, xa apoiou máis de 2.400 actuacións cunha axuda de 10,17 M€ e que pretende reducir os custos enerxéticos de pemes e autónomos nun contexto de elevado prezo enerxético para aumentar a súa competitividade. Á vez, contribúese a aumentar a seguridade das instalacións, mellorar o medio ambiente e proporciónanse as ferramentas necesarias para avanzar na descarbonización.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/12/2023