Máis de 230 equipos de raios do Sergas rexistran xa na historia clínica as doses de radiación recibidas polo paciente

A xerente do Sergas explicou no Parlamento que a ferramenta Xedose permitirá á sanidade pública galega avaliar mellor a realización de probas radiolóxicas

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2023

Un total de 238 equipos de raios do Sergas rexistran xa na historia clínica as doses de radiación recibidas polo paciente. Así o sinalou a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, no Parlamento de Galicia. O proxecto Xedose, que hoxe explicou a representante da sanidade pública galega na Comisión 5ª do Pazo do Hórreo, permitirá garantir que a dose de radiación á que se sometan os doentes para obter imaxes de calidade e útiles para o seu diagnóstico ou tratamento sexa o menor posible, e que o uso estea xustificado en base ao risco ao que se lle expón.

Grazas ao sistema de Xedose, os profesionais terán acceso de forma rápida e cómoda a toda a información de indicadores dosimétricos de todos os seus pacientes. Esto permitiralles tomar a decisión da xustificación de cada proba ou procedemento en particular dun xeito completamente informado.

O sistema posibilitará aos profesionais, -proseguiu a xerente-, comparar a súa práctica con niveis recomendados por autoridades e sociedades científicas e coas realizadas noutros centros galegos ou polos seus compañeiros, e incluso con eles mesmos ao longo do tempo. Esto serviralles de guía no proceso de optimización para levar a cabo accións que minimicen as doses utilizadas, mantendo sempre a máis elevada calidade e seguridade.

Implicación dos profesionais

Na súa intervención no Parlamento, a xerente sinalou que os profesionais son moi conscientes do claro aumento do uso das radiacións ionizantes no eido do diagnóstico e as intervencións, e demandan ferramentas que lles permitan asegurar que, como responsables directos das exposicións dos pacientes, o uso que fan é o máis adecuado. Co proxecto Xedose, o Sergas vai a implicar, por tanto, a todos os profesionais que fan uso das radiacións ionizantes no seu control e optimización.

Estrella López-Pardo incidiu en que os usuarios do sistema público de saúde de Galicia terán garantido, grazas ao desenvolvemento desta iniciativa, que cando sexan sometidos a unha exploración ou intervención radiolóxica, esta se lle realizará porque é claramente beneficiosa para a súa saúde, e coa mínima cantidade de radiación ionizante posible. 

Tendo en conta o número de exploracións radiolóxicas realizadas é fundamental ter un control completo sobre elas, e co proxecto Xedose o Sergas e os seus profesionais velarán para que cada unha delas estea xustificada e optimizada. Tamén remarcou a xerente que no futuro deste proxecto contémplase como obxectivo que a información tanto de indicadores dosimétricos como de dose efectiva recibida polo paciente en cada exploración estea dispoñible para o propio doente en E-Saúde.

Exploracións TACs máis frecuentes

A responsable do Sergas subliñou que, no vindeiro ano, estarán dispoñibles os informes de análise dos indicadores de dose para as exploracións TAC máis frecuentes. Xerarase un informe para cada equipo TAC elaborado cos datos recollidos co software de rexistro e xestión de dose. Cada informe realizarase conforme a criterios comúns, de xeito que se podían comparar entre eles e cos niveis de referencia publicados.

Dado que neste ano a Xunta renovou a práctica totalidade das máquinas TAC de Galicia, instalándose equipos con altas prestación e sistemas de redución de dose, agárdase que os resultados obtidos estean por debaixo dos niveis recomendados. Se nunha exploración concreta dos equipos se detectase algún valor por riba dos niveis de referencia procederase a súa corrección coa intervención que sexa pertinente.

Estrella López-Pardo dixo que aínda quedan por diante determinadas fases do proxecto, entre as que citou a formación dos profesionais implicados, a creación dun comité centralizado de dose, a creación de comités locais, ou o establecemento de niveis de referencia rexionais.

Data de actualización: 21/12/2023