A Xunta publicará o vindeiro mes de xaneiro unha nova orde de axudas para adquirir o carné de conducir

Estará dotada de 800.000 euros, un 14% máis que en anteriores convocatorias, e poderá empregarse para o carné de coche, camión ou autobús

As axudas oscilan entre os 400 e os 1.300 euros e poderán solicitarse tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de setembro

Durante as últimas tres convocatorias, estas axudas apoiaron a máis de 5.300 mozos de entre 18 e 30 anos

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2023

A Xunta publicará o vindeiro mes de xaneiro unha nova orde de axudas para adquirir o carné de conducir. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe unha autoescola en Santiago, onde informou sobre esta nova convocatoria.  

A nova convocatoria está dotada de 800.000 euros, un 14% máis que nas anteriores edicións, e permitirá apoiar á mocidade na adquisición do permiso de conducir de coche, camión e autobús. Unhas axudas que oscilan entre os 400 e 1.300 euros e que permitiu apoiar a máis de 5.300 mozos de entre 18 e 30 anos durante as tres últimas edicións.

O prazo para solicitar estas axudas abrirá logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, o vindeiro mes de xaneiro, e permanecerá aberto ata o 30 de setembro. Os requisitos para acceder a estas axudas serán estar empadroado en Galicia, non estar traballando e ter 30 ou menos anos.

Apoio á xuventude

A conselleira lembrou que o Goberno galego apoia á mocidade galega para emprender o seu proxecto de vida, gañar en autonomía e mellorar a súa empregabilidade. Neste sentido, fixo fincapé naqueles programas e iniciativas impulsadas con este cometido como o Xuventude Mentoring, o Xuventude Mentoring na empresa ou o Carné Xove que ofrece vantaxes e descontos a mocidade para formarse, viaxar e desfrutar desta etapa vital.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/12/2023