O delegado territorial da Xunta desprazouse esta mañá ao centro educativo para anunciar a licitación das obras

A Xunta inviste arredor de 823.000 euros na ampliación do CIFP de Vilamarín

O delegado territorial destacou que se trata dunha superficie ampliada de 955 m² construídos cun prazo de execución de 6 meses, ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Gabriel Alén xustificou esta actuación no CIFP de Vilamarín na falta de espazo no módulo de Talleres-Cociñas, máis concretamente na zona dedicada a Pastelería

O representante do Goberno galego lembrou que no que vai de lexislatura se executaron 1.372 obras de mellora dos centros ao abeiro desta folla de ruta

Ourense, 21 de decembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Amador Vázquez, o CIFP de Vilamarín, onde anunciou a licitación das obras de ampliación do centro educativo, nas que a Xunta vai investir arredor de 823.000

O delegado territorial xustificou que esta actuación no CIFP de Vilamarín vén motivada pola falta de espazo no módulo de Talleres-Cociñas, máis concretamente na zona dedicada a Pastelería. Deste xeito, explicou Gabriel Alén, a actuación consiste en realizar un novo volume encostado á edificación actual, pola súa banda norte, facendo unha planta de soto destinada a vestiarios e limpeza, unha planta baixa onde se localizan as novas aulas-talleres e unha planta baixo cuberta dedicada a almacenaxe de material e distintos utensilios de cociña.

A nova planta baixa, con acceso desde a zona de cociñas existente, divídese en tres grandes aulas/talleres: unha de panadería e outros dous espazos dedicados a pastelería. Haberá un corredor ‘de limpo’ de acceso ás devanditas aulas e un despacho dedicado á venda de produtos realizados nas devanditas aulas. 

Na parte posterior das aulas quedará un espazo para corredor ‘de sucio’ para sacar o lixo e os refugallos e non interferir co alumnado. A planta terá un acceso desde a entrada a unha escaleira pola que se baixará aos vestiarios da planta soto.

“Unha superficie ampliada de 955 m² construídos, -subliñou o representante do Goberno galego- cun prazo de execución de 6 meses, ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que incrementa un 27% o seu orzamento ata os 243 millóns para atender as necesidades de modernización dos centros”.

Neste contexto, lembrou que o Goberno galego ten executado 1.372 obras no que vai de lexislatura nos centros escolares a través desta folla de ruta. Nela inclúense todas as intervencións que se fan nos centros escolares co fin de que estean mellor acondicionados, máis implicados coa educación dixital e as novas metodoloxías, máis sostibles e máis confortables para alumnado e profesorado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/12/2023