A Xunta reclama a revisión do sistema de financiamento autonómico

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, respondeu no Parlamento a unha pregunta sobre a última reunión do CPFF

Cualificou a xuntanza de decepcionante pois o Goberno central trasladou a información tarde, ademais de ser incerta e incompleta
 

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reclamou hoxe no Parlamento galego a necesaria revisión do sistema de financiamento autonómico.

Así o expuxo en resposta a unha pregunta oral no Pleno do Parlamento sobre a última xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) que o conselleiro cualificou de decepcionante pois o Goberno central trasladou a información tarde, unha información incerta e incompleta. Ademais, a orde do día unicamente recollía os puntos precisos para sacar adiante os Orzamentos Xerais do Estado e non os asuntos que realmente interesaban ás CC.AA.

Miguel Corgos explicou que a información chega tarde pois se Galicia tivera agardado polos datos do Ministerio, non podería ter aprobado onte os orzamentos para 2024 e, polo tanto, non poderían entrar en vigor a partir do vindeiro 1 de xaneiro.

E ademais, sinalou que se trata dunha información incerta pois os recursos de financiamento para o ano 2024 non inclúen o impacto das medidas de loita contra a inflación postas en marcha polo Executivo central; e tamén unha información incompleta xa que o Ministerio non informou das negociacións do PSOE con ERC en materia de financiamento autonómico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2023